O PROXECTO “SMARTPEME” DA DEPUTACIÓN LEVARÁ A CABO SEIS CURSOS EN SETEMBRO NO VIVEIRO DE EMPRESAS DE LALÍN

Martes 6 de Septembro de 2016 - “SmartPeme” é un programa de asesoramento no ámbito das TIC da institución provincial destinado ás persoas emprendedoras e ás pemes da provincia.

O Viveiro de Empresas do Polígono Lalín 2000 acollerá, durante todo o mes de setembro, seis obradoiros ao abeiro do programa “SmartPeme” da Deputación de Pontevedra. “SmartPeme” oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e de mozos e mozas autónomas.

As quendas para o mes de setembro son as seguintes, todas elas en horario de 19:00 horas: o xoves 8 de setembro, “Redes sociais para a venda”. O luns 12 de setembro, “Como facer unha campaña de publicidade exitosa en Google?”. O xoves 15 de setembro, “Aprende como facturar electronicamente”. O mércores 21 de setembro, “Fotografía e vídeo para espazos interiores”. O venres 23 de setembro, “Seguridade informática: conceptos básicos”. Por último, o venres 30, “Como ser eficiente na organización do teu tempo: trello e toggle”. A oficina SmartPeme de Lalín, no Viveiro de Empresas situado no Polígono Lalín 2000, atópase na parcela E deste espazo e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20.


Lembramos que o novo proxecto SmartPeme, en palabras da Presidenta da Deputación na presentación do proxecto aos concellos celebrada a finais do pasado mes de xuño, "é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pemes e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos campos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos".  Para isto, nas oficinas de SmartPeme no Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo se porán en marcha as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as pemes e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.


Roteiros de Lalín