O PROGRAMA DE PREVENCIÓN DAS ADICCIÓNS DO CONCELLO REALIZA MÁIS DE 200 ENQUISAS ENTRE OS ADOLESCENTES LALINENSES

O PROGRAMA DE PREVENCIÓN DAS ADICCIÓNS DO CONCELLO REALIZA MÁIS DE 200 ENQUISAS ENTRE OS ADOLESCENTES LALINENSES
Xoves 9 de Novembro de 2017 - Unha vez examinados os resultados, poderanse sacar conclusións sobre as diversas tendencias relativas ao consumo de sustancias que servirán para proxectar talleres de prevención.

O Concello de Lalín, a través da concellería de Benestar Social, puxo en marcha un programa de prevención das adiccións que se vén desenvolvendo dende comezos de ano con múltiples actividades dirixidas a mozas e mozos do municipio. A última fase desta iniciativa que está sendo desenvolvida por unha educadora social especializada, contratada para coordinar este programa, consiste na realización de enquisas entre a poboación adolescente para coñecer os seus hábitos no eido do consumo de sustancias aditivas. Na tarde de hoxe tivo lugar unha sesión informativa con alumnado de 3º e 4º de ESO do IES Aller Ulloa, na que se trasladaron numerosos cuestionarios. Xa se realizaron máis de 200 consultas, que ademais deste centro educativo incluíron o IES Laxeiro e o Sagrado corazón, conseguindo así o obxectivo marcado de superar esta cifra.

As enquisas entregadas entre o estudantado buscan coñecer polo miúdo as tendencias e os hábitos en relación cos trastornos aditivos dos adolescentes de Lalín. Nos cuestionarios recóllense datos de información xeral, datos sobre consumo de drogas legais e ilegais e, por último, datos de alteracións de condutas. Así, unha vez examinados os resultados, pódense sacar conclusións sobre as diversas tendencias relativas ao consumo de sustancias que servirán para proxectar talleres nos que se traballa, por exemplo, sobre a toma de decisións sobre o consumo ou sobre como actuar de xeito responsable ante a decisión persoal de consumir.

O concelleiro de Benestar, Nicolás González Casares, sinalou que nas diversas xuntanzas do Consello Municipal de Benestar Social se abordou a necesidade de continuar impulsando accións de loita contra as condutas aditivas na mocidade e a prol das formas de vida saudables. “Porén” -explica o edil- “dende o concello adquirimos o compromiso de facilitar os recursos de información e orientación necesarios para promover impulsar iniciativas de promoción dunha conciencia social sobre os efectos nocivos do consumo de drogas e incrementar a percepción do risco, ademais de desenvolver habilidades e competencias persoais na mocidade de cara a adoptar unha actitude crítica e responsable sobre as adicións”. 

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín