O PROGRAMA DE PREVENCIÓN DAS ADICCIÓNS DO CONCELLO COMPLEMENTARASE COA INICIATIVA “LALÍN COA MOCIDADE”

O PROGRAMA DE PREVENCIÓN DAS ADICCIÓNS DO CONCELLO COMPLEMENTARASE COA INICIATIVA “LALÍN COA MOCIDADE”
Mércores 24 de Maio de 2017 - Trátase dun proxecto que contempla multitude de actividades desatinadas a previr condutas de risco e fomentar hábitos de vida saudables. Entre outras, inclúe a celebración de rutas de sendeirismo, obradoiros, ou torneos deportivos. Para desenvolver esta iniciativa o Concello de Lalín solicitoulle á Xunta unha axuda de máis de 5.000 euros. González Casares fixo fincapé na necesidade de continuar impulsando accións de loita contra as condutas aditivas na mocidade de cara a reducir os elevados índices de consumo e adiccións que se detectaron na vila.

O Concello de Lalín, a través da concellería de Benestar Social, complementará o programa de prevención das adiccións iniciado a comezos de ano coa posta en marcha durante o segundo semestre da iniciativa “Lalín coa mocidade”. Este proxecto inclúe multitude de actividades dirixidas a mozos e mozas de entre 12 e 30 anos de idade e ten entre os seus obxectivos promocionar unha conciencia social sobre hábitos saudables, previr condutas de risco, mellorar as alternativas de ocio, ou desenvolver actitudes responsables no ámbito comunitario, entre outras. Para o seu desenvolvemento o Concello ten solicitada unha subvención á consellería de Política Social por importe de máis de 5.000 euros. Así mesmo, contarase para levalo a cabo cos servizos dun educador ou educadora social que será contratada, neste caso, ao abeiro do Plan de Concellos da Deputación.

O concelleiro de Benestar, Nicolás González Casares, sinalou que nas xuntanzas do Consello Municipal de Benestar Social se abordou a necesidade de continuar impulsando accións de loita contra as condutas aditivas na mocidade e a prol das formas de vida saudables. “Porén” -explica o edil- “dende o concello adquirimos o compromiso de facilitar os recursos de información e orientación necesarios para promover impulsar iniciativas de promoción dunha conciencia social sobre os efectos nocivos do consumo de drogas e incrementar a percepción do risco, ademais de desenvolver habilidades e competencias persoais na mocidade de cara a adoptar unha actitude crítica e responsable sobre as adicións”.

Lalín coa mocidade” -prosegue o concelleiro- “é unha ambiciosa aposta do Goberno que contempla un programa amplo de actividades enfocadas na educación con valores e dirixidas a un sector da poboación vulnerable mediante o que queremos introducir axentes de cambio na xuventude, de cara a reducir os elevados índices de consumo e adiccións que detectamos durante os últimos anos na vila”.

As actividades que se van desenvolver dentro deste proxecto e que xa deron comezo coa celebración de obradoiros formativos nos institutos do Concello inclúen:

- Ruta de sendeirismo nocturna. Co obxectivo de entrar en contacto coa natureza e co entorno, descubrindo todo o seu potencial pola noite. Celebrarase na fraga de Casas Vellas e poderán participar un número máximo de 35 mozos e mozas.

- Torneo multideporte. Unha actividade deportiva idónea para formar e educar á xuventude co fin de fomentar o exercicio físico e a práctica deportiva en diferentes modalidades; fútbol, baloncesto, balonmán etc.

- Obradoiro de break dance. Trataríase dunha actividade de iniciación, toma de contacto ou perfeccionamento na danza urbana de orixe afroamericana do break dance que busca achegar a mocidade a un estilo musical e de expresión diferenciado.

- Obradoiro de iniciación ao skate. Unha actividade de iniciación ao skateboard motivando aos mozos e mozas a iniciarse nesta práctica deportiva e mellorando a técnica daqueles que xa o practican.

- Obradoiro de customización de gorras e zapatillas. É unha actividade de deseño e debuxo artístico no que se lle ensinará aos mozos e mozas a persoalizar as súas gorras ou zapatillas en lingua galega, seguindo os seus gustos e fomentando a súa creatividade.

- Taller de elaboración de cócteles sen alcohol. Neste obradoiro aprenderase a realizar diferentes tipos de consteles para que as persoas participantes poidan levar as receitas ás súas casas para seguir utilizando no futuro.

- Videoxogos na rúa. Exposición de varios videoxogos na rúa onde todas as persoas interesadas poderán achegarse libremente a experimentar con eles, ofrecendo información e orientación sobre a adición ás novas tecnoloxías.

- Obradoiro de fotografía. Esta actividade introducirá aos mozos e mozas durante catro semanas dunha forma sinxela no mundo da fotografía, aprendendo a sacarlle o mellor partido ás nosas imaxes no entorno urbano e na natureza a través de diferentes técnicas.

- Obradoiro de graffiti. Este obradoiro ten o dobre obxectivo por un lado de potenciar a creatividade das persoas participantes e por outro embelecer algunha zona creando un decorado máis casual e atrainte en áreas de paso da xuventude. 

Roteiros de Lalín