O PRAZO PARA PRESENTAR SOLICITUDES ÁS AXUDAS AO TRANSPORTE PARA ESTUDANTES REMATA ESTA SEMANA

O PRAZO PARA PRESENTAR SOLICITUDES ÁS AXUDAS AO TRANSPORTE PARA ESTUDANTES REMATA ESTA SEMANA
Mércores 2 de Septembro de 2015 - Polo de agora recibíronse 65 peticións, na súa gran maioría para acceder á modalidade semanal do bono de transporte universitario. O Goberno ampliou este ano as bonificacións de transporte aos estudantes de ciclos formativos de grao medio.

O Concello de Lalín recibiu ata o pasado 31 de agosto un total de 65 solicitudes para acceder ás axudas ao transporte para estudantes. Destas, a gran maioría -un total de 52- correspóndense ao bono de modalidade semanal para o transporte universitario. En modalidade diaria recibíronse 3 peticións.

Ademais, para os ciclos de grao medio recibíronse 10 solicitudes, das cales 7 son para a modalidade semanal e 3 para a diaria. O Goberno municipal de Lalín lembra que o prazo para poder acceder a calquera destas axudas ao transporte segue aberto durante toda esta semana e ata o vindeiro 5 de setembro.

Este ano incrementáronse as bonificacións ao transporte de estudantes residentes e empadroados en Lalín que cursen estudos nalgunha das cidades universitarias de Galicia. Así, se no curso 2014/2015 se investiron 9.000 euros, para este que está a piques de iniciarse as previsións do Concello ascenden a 15.000 euros.

O executivo tomou a decisión de incluír nas axudas aos alumnos que cursen ciclos formativos de grao medio, co obxectivo de beneficiar ao maior número de cidadáns posible. Ata o de agora só se subvencionaban as viaxes dos estudantes universitarios ou de graos superiores. As axudas tamén se estenderán a aqueles alumnos e alumnas que precisen desprazarse a centros asociados da UNED emprazados noutras localidades.

As modalidades de bonos para o transporte son dúas: unha de carácter diario, para as persoas que empreguen o bus de luns a venres e outra semanal, para os que empreguen os bonos dúas veces á semana.

Ao abeiro dos convenios que o concello xestiona coas empresas Gómez de Castro e Castromil S.A, os solicitantes terán unha bonificación xeral do 35% sobre o custo ordinario do prezo do billete. Non obstante, segundo os seus ingresos económicos, poden ter dereito a novos tipos de subvención. Así, na modalidade diaria, aqueles estudantes de núcleos familiares cuns ingresos per cápita de ata 532,51 €, poderán acceder a unha bonificación do 75% no seu pase. Na modalidade semanal, a bonificación será do 20% para os estudantes de familias con rendas per cápita familiares de ata 266,25 €.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 5 de setembro. Os solicitantes deberán presentar nas dependencias de Benestar Social ou no Rexistro Xeral do Concello de Lalín un documento de solicitude, unha copia do DNI cotexada, unha copia da declaración da renda do exercicio 2014, ou un xustificante de ingresos da unidade familiar, así como unha foto de carné e unha copia da matrícula.

Roteiros de Lalín