O PLAN PARA A REHABILITACIÓN DA PONTE DOS CABALOS XA CONTA CON PROXECTO TÉCNICO DEFINITIVO

O PLAN PARA A REHABILITACIÓN DA PONTE DOS CABALOS XA CONTA CON PROXECTO TÉCNICO DEFINITIVO
Luns 19 de Febreiro de 2018 - Nicolás González Casares explicou que en poucos días será presentada a cantidade necesaria para o arranxo e se procederá á solicitude dos fondos necesarios ao GDR.

Os trámites administrativos necesarios para a execución da rehabilitación da Ponte dos Cabalos posta en marcha polos concellos de Lalín e Agolada seguen en marcha. Tras a aprobación por parte da dirección Xeral de Patrimonio da memoria e do anteproxecto da obra, o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, anuncia que xa está rematada a redacción do proxecto técnico definitivo. Así, o seguinte paso será que a comisión de Patrimonio dea o visto bo a este documento para proceder á autorización final das obras. Deste modo, “en poucos días” -explicou González Casares- “vaise presentar a cantidade económica necesaria para a súa execución e remitirase a solicitude dos fondos necesarios ao GDR a través do convenio que mantemos co Concello de Agolada para a rehabilitación conxunta desta infraestrutura”.

A Ponte dos Cabalos é unha ponte de factura medieval, que data do ano 970. Componse de dous ollos e está construída na súa totalidade en pedra granítica. En todo caso, o seu estado de conservación non é bo, xa que a vexetación invade moitas zonas da ponte e o parteaugas está case totalmente desmoronado, o que supón un grave risco para a totalidade da estrutura. Ademais subidas do río, que se producen cada inverno, fan que exista un serio risco de que caia parte da súa estrutura. Tamén se aprecia a perda ou desprazamento de pezas de cimentación e varias gretas e fisuras.

Coa finalidade de corrixir esta situación o proxecto de rehabilitación prioriza as actuacións máis urxentes, como a reconstrución do parteaugas, a recuperación dos espazos perdidos ou desprazados, a reposición de pezas ao seu lugar orixinal e o desbroce e limpeza profunda da ponte e a súa contorna. Todas estas medidas, xunto con algunhas outras, son imprescindibles para asegurar a conservación da ponte. Ao mesmo tempo, tamén se propoñen outras actuacións de mellora -non imprescindibles- como a instalación de cartelería informativa ou a execución dun acceso á zona inferior da ponte.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín