O PAZO DE LIÑARES INCREMENTA EN MÁIS DUN 30% O NÚMERO DE VISITANTES DURANTE O PRIMEIRO TRIMESTRE DO ANO

O PAZO DE LIÑARES INCREMENTA EN MÁIS DUN 30% O NÚMERO DE VISITANTES DURANTE O PRIMEIRO TRIMESTRE DO ANO
Xoves 27 de Abril de 2017 - 2.162 persoas coñeceron a casa señorial entre os meses de xaneiro e marzo, frontes ás 1.643 que o fixeran o ano pasado no mesmo período. Francisco Vilariño mostrouse satisfeito con estas cifras que “son froito das diversas iniciativas levadas a cabo para converter o Pazo de Liñares nun dos grandes referentes para a atracción de turismo ao municipio”.

A concellería de Turismo do Concello de Lalín fixo públicos esta mañá os datos respectivos ao número de persoas que visitaron o Pazo de Liñares, situado na parroquia de Prado, durante o primeiro trimestre do ano. As cifras arroxan un aumento moi considerable con respecto ás recollidas no mesmo período do ano anterior, pasando de 1.643 visitantes a 2.162, é dicir, un 31,59% máis. O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, mostrou a súa satisfacción ante o forte incremento do número de persoas que se achegaron ao pazo entre os meses de xaneiro e marzo e indicou que esta subida “é froito da aposta decidida da concellería de Turismo para a promoción turística dos atractivos de Lalín e, en particular deste espazo, que estamos mellorando e dotando de contido”. “No Goberno” -indicou- “temos o obxectivo de converter o Pazo de Liñares nun dos grandes referentes para a atracción de turismo ao municipio e coas cifras do primeiro trimestre obsérvamos que as propostas e os esforzos realizados neste eido xa está dando os seus froitos”.

A maior parte das persoas que se achegaron a coñecer a casa señorial foron adultos, cun total 1.889 maiores de 18 anos, por 273 menores de idade. En canto ao lugar de procedencia dos visitantes destacan as visitas chegadas dende fóra de Lalín. Destas, a maior parte arribaron dende o resto de Galicia, con 1.410 visitas fronte ás 959 do ano pasado procedentes do referido ámbito xeográfico. Así mesmo, liñares recibiu a 65 turistas procedentes do resto do Estado e a 17 do estranxeiro. Por outro lado, os visitantes ao Pazo do propio concello foron 670, polos 592 que o fixeron no mesmo trimestre de 2016.

O edil de Turismo fixo fincapé en que as cifras alcanzadas foron posibles grazas aos pasos adiante que se deron para mellorar as prestacións deste edificio histórico, dotalo de contido e promover iniciativas activas para a súa difusión. Nesta liña lembrou a construción dun aparcadoiro integrado no entorno paisaxístico que cubriu as carencias de estacionamento que presentaba este edificio declarado Ben de Interese Cultural(BIC) no ano 2009 e que funciona como un dos principais reclamos turísticos do municipio. Así mesmo, no mes de xaneiro inaugurouse no pazo a Sala de Loriga, un espazo expositivo de 100 metros cadrados dedicado ao ilustre aviador lalinense e instalado, ademais, na que foi a súa casa natal. Esta sala xa se converteu nun dos grandes atractivos para visitar o conxunto pacego ao igual que o é dende hai algúns anos a exposición permanente do Museo Galego da Marioneta, o único do país dedicado a esta temática.

O edil de Turismo tamén lembrou que o Pazo de Liñares é un espazo cultural, onde o Concello, a través da concellería de Cultura que dirixe Lara Rodríguez, vén organizando diferentes actividades que contribuíron a aumentar o número de visitantes. Entre estas, no primeiro trimestre do ano tivo lugar o Titirentroido, que contemplou o día da inauguración unha visita guiada á exposición do Museo Gaego da Marioneta, así como a representación do espectáculo "Bambu e morte" e a mostra do "Mamulengo: teatro de bonecos popular do Brasil". Ao mesmo tempo, Liñares acolleu en marzo os recitais de Pablo Albo e Sofía Maul dentro do Festival Atlántica. O edil de Turismo tamén lembrou a publicación de material divulgativo sobre o pazo ou a activación de percorridos en 360º por este edificio. Finalmente afirmou que a Concellería xa está a traballar en novos proxectos para dotar de novos contidos cos que aumentar aínda máis o atractivo de Liñares.

Roteiros de Lalín