O PAZO DE LIÑARES ACOLLERÁ A MOSTRA DE ANXO CABADA QUE CONXUGA FOTOGRAFÍA E LITERATURA GALEGA ACTUAL

Xoves 13 de Septembro de 2018 - O Concello de Lalín e a Deputación de Pontevedra inaugurarán o vindeiro venres, ás 17.00 horas, “O imaxinario do País. Letras de Magnesido”, que se enmarca na programación do Ano da Lingua da Deputación. A mostra permite avanzar no obxectivo primordial de encher Liñares de contidos e convertelo nun polo fundamental para a atracción de visitantes a Lalín.

Cincuenta autores e autoras da literatura actual galega foron retratadas pola mirada singular do fotógrafo Anxo Cabada, que as reúne nunha mostra na que cada imaxe se acompaña dun texto literario da persoa fotografada. A exposición, que leva por título ‘O imaxinario do país. Letras de magnesio. Retratos fotográficos e autorretratos literarios de escritores e escritoras’, forma parte da programación cultural do Ano da Lingua e chegará o venres 14 a Lalín, onde permanecerá no Pazo de Liñares ata o 5 de outubro. O acto de apertura contará coa participación de dúas das autoras que aparecen na mostra, Chus Pato e Rosalía Fernández Rial, do deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, do concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, e do fotógrafo e autor das fotos, Anxo Cabada.

Francisco Vilariño salientou a importancia deste tipo de iniciativas, que permiten avanzar nun obxectivo fundamental para a concellería: “potenciar con diferentes iniciativas esta xoia turística de Lalín, dotándoa de contidos durante todo o ano e mediante importantes iniciativas como esta para convertelo nun verdadeiro polo de atracción de visitantes”. Nesta liña, o edil de Turismo remarca que esta importante mostra “se vai poder visitar na nova sala de exposicións habilitada neste mandato e coa que se quere poñer de manifesto a importancia e a relevancia que Liñares ten como colector multicultural e como lugar de referencia ineludible no panorama turístico e cultural galego”. Pola súa banda, o deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, cualifica esta exposición como unha homenaxe ao traballo que as autoras e os autores deste país fan a prol da nosa lingua, como un valor e un tesouro da nosa cultura que nunca nos cansaremos de poñer en valor e de reivindicar.

Neste proxecto, Anxo Cabada estivo traballando durante seis anos, polo que se inclúen imaxes e textos de persoas que faleceron recentemente, como é o caso de Agustín Fernández Paz, Xosé Neira Vilas, ou María do Carmo Kruckemberg. Tamén recolle as achegas de dous Premios Nacionais de Literatura Infantil e Xuvenil, Ledicia Costas e Antonio García Teixeiro, do ex presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, e do actual presidente, Víctor F. Freixanes, así como da académica Fina Casalderrey.

Entre os cincuenta participantes poden contarse representantes de diversos estilos literarios e de diferentes idades e xeracións como son Xosé María Álvarez Cáccamo, Antía Otero, Darío Xohán Cabana, María Lado, Yolanda Castaño, María Xosé Queizán, Lucía Novas, Miguel Anxo Fernán Vello, Dores Tembrás, Eva Veiga, Baldo Ramos, Rosalía Fernández Rial, Ramón Caride, Francisco Castro, Estíbaliz Espinosa, Valentín Carrera, Chus Pato, Fran Alonso, Carmen Blanco, Caludio Rodríguez Fer, Déborah Vukusic, Anxos Sumai, María Solar, Olga Novo, Anxo Angueira, Manuel Álvarez Torneiro, Marga do Val, Xosé Vázquez Pintor, Mercedes Queixas Zas, Alfredo Conde, Pedro Feijóo, Xavier Rodríguez Baixeras, Xina Vega, Suso de Toro, Silvia Penas, María Reimóndez, Xesús Constela, Esther F. Carrodeguas, Domingo Villar, Manuel Forcadela, Xosé Luis Méndez Ferrín, e Iolanda Zúñiga.

A exposición, tras pasar por Lalín, continuará a súa itinerancia por Cangas e Ponteareas. Ademais, inclúe un catálogo con todas a imaxes e textos e cun prólogo do

escritor e crítico literario Ramón Nicolás.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín