O OBRADOIRO DE EMPREGO REMATA AS OBRAS PARA VIVENDAS SOCIAIS NA PRIMEIRA PLANTA DAS ANTIGA CASA DO MANUEL RIVERO

O OBRADOIRO DE EMPREGO REMATA AS OBRAS PARA VIVENDAS SOCIAIS NA PRIMEIRA PLANTA DAS ANTIGA CASA DO MANUEL RIVERO
Luns 9 de Xullo de 2018 - O alcalde e o concelleiro de Emprego comprobaron esta semana o avance dunhas actuacións e salientaron o impresionante cambio que experimentou o inmoble dende o inicio das obras. O Obradoiro de Emprego beneficia a un total de 20 alumnas e alumnos, dos cales 12 se están formando en albanelería e 8 en carpintería.

O alumnado do Obradoiro de Emprego de Lalín está a rematar estes días as obras de reforma e acondicionamento da primeira planta das antigas vivendas do Manuel Rivero. As actuacións de rehabilitación que se están a desenvolver no interior do edificio permitirán destinar estas instalacións a usos sociais, un dos grandes obxectivos que se marcou o Goberno municipal á hora de poñer en marcha este programa de formación e emprego.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, e o concelleiro de Emprego, José Manuel Fernández, visitaron esta semana o edificio no que se está a actuar para comprobar o avance dos traballos e louvaron o excelente traballo que están a realizar as alumnas e alumnos participantes nesta iniciativa. Ambos destacaron o impresionante cambio que experimentaron as vivendas dende o inicio dos traballos deste Obradoiro, xa que pasaron de estar nun estado de total abandono a presentar un aspecto completamente mellorado e case habitable, á espera por suposto de que as actuacións programadas conclúan de forma definitiva.

Así, dende o inicio das actuacións en obra, o día 4 de abril, realizáronse os seguintes traballos no interior do inmoble:

1.- ACTUACIÓNS DE ALBANELERÍA:

1.1.- Primeira planta: Rematou os traballos nas dúas vivendas: pasteado das paredes e teitos, previa limpeza e saneamento dos mesmos; colocación de trasdosado con illamento térmico e acústico colocación de azulexo e plaqueta nos baños e nas cociñas; colocación de falso teito nos baños e pintura das paredes e teitos.

Con isto, quedou rematada para poder entrar na obra os carpinteiros.

1.2.- Segunda planta: Está a rematar os traballos na vivenda da dereita e simultaneando actuacións na vivenda da esquerda: retirada da carpintería metálica exterior existente, colocación de trasdosado nas fachadas interiores para evitar ruídos e humidades, execución de recrecidos para regularizar as soleiras; enfoscados das paredes interiores, pasteado de paredes e teitos, colocación de azulexo e plaqueta nas cociñas e baños.

2.- ACTUACIÓNS DE CAPINTERÍA:

2.1.- Primeira planta: Unha vez rematadas as actuacións de albanelería, entraron os carpinteiros. Ata o momento, os seus traballos céntranse na primeira planta e están realizando o seguinte nas dúas vivendas: Colocación de tarima e rodapé no salón, habitacións e pasillos; remate dos armarios empotrados e instalación das portas de paso interiores. No taller do Centro de Formación realizaron a montaxe dos mobles das cociñas, que se prevén colocar para a semana na obra.

Tamén se contrataron os traballos de instalación de electricidade e fontanería para o edificio.

O Obradoiro de Emprego “Rivero Social II”, é unha ambiciosa iniciativa do Concello de Lalín que permitirá seguir avanzando na rehabilitación e acondicionamento de 6 antigas vivendas do Manuel Rivero e que beneficia a un total de 20 alumnas e alumnos, xunto co equipo directivo e docente. Está proposta está a permitir que, durante nove meses, 12 persoas se formen na especialidade de auxiliar de revestimentos en construción e 8 na de instalación de elementos de carpintería, realizando unha obra de utilidade pública e de interese social. O Obradoiro de Emprego conta cun orzamento de máis de 360 mil euros, dos que case 280 mil están subvencionados pola Consellería de Emprego.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín