O MUSEO MUNICIPAL ABRIRÁ AS FINS DE SEMANA CANDO SE CELEBREN EXPOSICIÓNS DE INTERESE ESPECIAL

O MUSEO MUNICIPAL ABRIRÁ AS FINS DE SEMANA CANDO SE CELEBREN EXPOSICIÓNS DE INTERESE ESPECIAL
Xoves 12 de Abril de 2018 - Lara Rodríguez anunciou que o horario se amplía aos sábados de 11.00 a 14.00 horas e de 18.30 a 20.30 horas. A iniciativa busca darlle a todo o mundo a oportunidade de visitar o Museo e as diferentes mostras organizadas polo Concello. A concelleira lembra que a exposición de Manuel Colmeiro “A pintura antes de pintar” se pode visitar ata o vindeiro día 16 de maio.

A concelleira de Cultura, Lara Rodríguez, informou hoxe de que o Museo Municipal Ramón Mª Aller vai permanecer aberto durante as fins de semana naqueles períodos nos que o espazo acolla unha exposición salientable ou de especial interese, como é o caso da mostra de Colmeiro que se pode contemplar actualmente neste edificio municipal. A titular de Cultura explicou que con esta iniciativa se pretende dar a oportunidade a todo o mundo de achegarse ao museo a contemplar as diferentes exposicións que organiza o Concello de Lalín, tendo en conta que durante a semana as ocupacións laborais lles impiden a moitos cidadáns poder visitalo. “É por iso” - apunta Lara Rodríguez- “polo que decidimos ampliar os horarios aos sábados, de 11.00 a 14.00 horas polas mañás e de 18.30 a 20.30 horas polas tardes, para achegar a cultura e dar a coñecer o Museo Municipal a todo aquel cidadán que o desexe”.

Co gallo deste anuncio, Lara Rodríguez aproveitou para lembrar que a exposición de Manuel Colmeiro “A pintura antes de pintar”, se pode visitar no Museo Municipal ata o vindeiro día 16 de maio. Esta mostra retrospectiva composta por 40 obras e organizada pola concellería de Cultura é de moitísima calidade e está tendo moito éxito, motivo polo que a concelleira animou a toda a cidadanía a visitala de xeito gratuíto no Museo Municipal.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín