O MERCADO DE PRODUTOS ALIMENTARIOS TRASLADARASE DE FORMA DEFINITIVA ÁS RÚAS PEONÍS TRAS O ÉXITO DESTA FIN DE SEMANA

O MERCADO DE PRODUTOS ALIMENTARIOS TRASLADARASE DE FORMA DEFINITIVA ÁS RÚAS PEONÍS TRAS O ÉXITO DESTA FIN DE SEMANA
Martes 23 de Febreiro de 2016 - Os vendedores adoptan esta decisión polos bos resultados e a boa acollida que tivo entre os clientes o cambio realizado o pasado sábado. O Concello traballa para sumar varios postos de artesanía a esta iniciativa, que servirá para dinamizar as rúas peonís.

O mercado de produtos ecolóxicos e de horta -que se viña celebrando cada sábado na rúa Matemático Rodríguez, no entorno da estatua de Loriga- trasladarase de maneira definitiva ás rúas peonís tras o éxito da experiencia piloto desenvolvida durante a pasada fin de semana. Os vendedores comunicáronlle esta mesma mañá ao alcalde a decisión de cambiar o seu emprazamento habitual, despois de comprobar aos bos resultados que tivo o traslado puntual realizado o pasado sábado.

O alcalde de Lalín felicitouse pola boa acollida deste cambio de ubicación, “que foi beneficioso para comerciantes e clientes”. Ademais, Rafael Cuíña apunta que o traslado tamén vai favorecer unha maior actividade e maior presenza de xente nas rúas que se pechan ao tráfico durante a fin de semana. Este feito permitirá avanzar nas accións de dinamización complementarias ao proceso de peonalización e dar resposta á demanda de veciños, comerciantes e hostaleiros. “Desta maneira”, di o rexedor, “crearase unha sinerxia positiva que permitirá sumar os efectos positivos destas dúas medidas complementarias: o peche das rúas ao tráfico durante as fins de semana e o cambio de lugar deste mercado”.

Por outra banda, Cuíña anunciou que o Concello está traballando para incrementar o número de postos que participan nesta actividade. O alcalde explica que “estamos falando con diferentes vendedores para coñecer o seu interese por sumarse ao mercadiño dos sábados, sempre coa intención de que as actividades que veñan sexan complementarias á venda de produtos ecolóxicos e de horta”. Neste sentido, o rexedor confía en incorporar varios postos de venda de artesanía, o que permitirá diversificar o tipo de produtos que se ofrecen e atraer a máis xente a esta iniciativa.

Veciños, comerciantes e hostaleiros das rúas peonalizadas xa suxeriran en varias ocasións a posibilidade de que o mercado semanal se celebrase nesta zona para incrementar a presenza de público e dinamizar a actividade no centro da vila, co conseguinte beneficio que isto vai xerar para os establecementos. A decisión de instalar os postos de venda na rúa Joaquín Loriga tomouse logo de consultar cos vendedores, que agora, despois de comprobar os bos resultados do cambio, deciden realizar o traslado de xeito permanente.

Roteiros de Lalín