O LALÍN ARENA HABILITA UNHA NOVA FERRAMENTA DE CONSULTA, RECLAMACIÓN E SUXESTIÓN PARA MELLORAR OS SERVIZOS DE ATENCIÓN NO CENTRO DEPORTIVO

O LALÍN ARENA HABILITA UNHA NOVA FERRAMENTA DE CONSULTA, RECLAMACIÓN E SUXESTIÓN PARA MELLORAR OS SERVIZOS DE ATENCIÓN NO CENTRO DEPORTIVO
Luns 20 de Marzo de 2017 - Inclúense dentro dun conxunto de novas accións que se van ir dando a coñecer progresivamente coa finalidade de ofrecer a mellor atención ao cliente. Todas as propostas recibidas serán respondidas en menos de 2 días laborables por persoal asignado á instalación e a través da plataforma que desexe o solicitante.

O concelleiro de Deporte, Nicolás González Casares, anunciou a posta en marcha dunha nova ferramenta destinada ao usuariado do Lalín Arena, a través da que se poderán realizar consultas, reclamacións, suxestións e incluso eloxios. Este novo sistema posto a disposición do público inclúense dentro dun conxunto de novas accións que se van ir dando a coñecer progresivamente coa finalidade de ofrecer a mellor atención ao cliente analizando de xeito continuo a súa satisfacción para así poder mellorar a calidade do servizo. Polo momento esta nova ferramenta ofrecerase mediante a habilitación dun documento impreso que pode ser solicitado no departamento de información-administración do Centro Deportivo Municipal e que unha vez cumprimentado será depositado nun buzón situado na propia recepción.

González Casares apuntou que todas as propostas recibidas serán respondidas o máis axiña posible (menos de 2 días laborables) por persoal asignado á instalación e a través da plataforma que desexe o solicitante (correo electrónico, teléfono, presencial). Na mesma liña explicou que está previsto que en breve prazo o citado formulario poida ser descargado de internet e as propostas se poidan efectuar telematicamente. Finalmente o concelleiro solicitou que “para poder darlle ao servizo o rigor que merece, a nova ferramenta sexa utilizada con sentido común e coa finalidade para a que se puxo en funcionamento”.

Roteiros de Lalín