O GOBERNO TRABALLA NA CREACIÓN DUNHA BOLSA DE EMPREGO DESTINADA Á COBERTURA DE BAIXAS DE PERSOAL ADMINISTRATIVO MUNICIPAL

Martes 11 de Abril de 2017 - Está previsto que o proceso selectivo comece antes do verán. A creación desta nova listaxe de contratación permitirá poder actuar con axilidade ante eventualidades no persoal do Concello, de modo que non se produzan desatencións en ningún servizo. Trátase dun un paso máis de cara a unha xestión de persoal áxil, efectiva e transparente.

A concelleira de Emprego, Katia Procino, vén de anunciar que o Goberno de Lalín está traballando na creación dunha nova bolsa de emprego a través da que se habilitará unha listaxe de contratación para cubrir baixas que se poidan producir e realizar substitucións de persoal municipal auxiliar administrativo. O Goberno xa ten practicamente ultimadas as bases desta bolsa -tras pactalas cos sindicatos- co obxectivo de que o procedemento selectivo poida comezar antes do inicio do verán. Este proceso seguirá a liña do posto en marcha o pasado ano para contratar monitores deportivos, persoal de limpeza e auxiliares de aparcadoiro. Porén, o proceso será absolutamente transparente e aberto, compoñéndose dunha proba teórica, unha práctica, unha de coñecemento da linga galega e unha valoración de méritos e capacidades.

Katia Procino sinalou que “ata a chegada do actual Goberno ninguén se preocupara no Concello de Lalín por habilitar procedementos mediante os que actuar con axilidade ante posibles eventualidades e baixas producidas no persoal municipal -normalmente causadas por enfermidade- que poden provocar situacións de desatención puntual nalgúns servizos”. “A proposta de crear estas listaxes de persoal persegue, polo tanto” -engade- “activar unha resposta rápida coa que dar cobertura a estes casos e que a atención á cidadanía non se vexa minguada en ningún momento”.

O Goberno de Lalín sinala que dende a a súa toma de posesión e, posto que o anterior executivo non tiña traballo algún realizado nesta materia, e a súa política laboral sempre estivo marcada por unha discutible regularidade, o actual Goberno decidiu activar as listas de contratación. Así, a presente bolsa de emprego creada para suplir baixas de persoal auxiliar administrativo, é un paso máis de cara a unha xestión de persoal áxil, efectiva e transparente.

Roteiros de Lalín