O GOBERNO SEGUE ADIANTE CO PLAN CANDÁN, UN PROXECTO DE INVERSIÓN SOSTIBLE E DE PROMOCIÓN DESTE ESPAZO NATURAL A DESENVOLVER EN 6 ANOS

O GOBERNO SEGUE ADIANTE CO PLAN CANDÁN, UN PROXECTO DE INVERSIÓN SOSTIBLE E DE PROMOCIÓN DESTE ESPAZO NATURAL A DESENVOLVER EN 6 ANOS
Luns 11 de Septembro de 2017 - Trátase dunha iniciativa que implica a diferentes concellerías e que supón un reto e un desafío moi importante para o Goberno municipal. O plan xa está en execución a través de actuacións como a depuradora de Zobra, o acondicionamento de viais en Vilatuxe ou a mellora e ampliación da rede de sendeiros. A imaxe corporativa do Plan toma como referencia algúns dos cumios máis representativos da Serra.

A Xunta de Goberno Local vai dar luz verde o vindeiro luns ao denominado Plan Candán, un proxecto que, como xa fora anunciado, suporá un grande esforzo por parte do Concello de Lalín en investimentos sostibles e en medidas de promoción da Serra do Candán, o espazo de principal valor natural e paisaxístico do municipio. O Goberno dará, deste xeito, aprobación oficial ao documento dun proxecto que implica as concellerías de Urbanismo, Deportes, Rural, Turismo e Medio Ambiente e que establece o compromiso do Concello de Lalín de desenvolver un plan de investimentos de preto de 3 millóns de euros a executar durante os vindeiros 6 anos en medidas e accións de mellora e promoción da serra. Así mesmo, quedará aprobada a imaxe corporativa do plan, un elemento simbólico, identificativo e significativo dentro do conxunto do proxecto.

O tenente de alcalde, Nicolas González Casares, destacou que o Plan Candán xa se comezou a executar e lembrou que trata de acadar numerosos obxectivos fundamentais, entre os que se atopan:

-Sensibilizar á cidadanía da riqueza natural e paisaxística que posúe a Serra do Candán.

-Mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas destes ámbitos de acordo coas necesidades do século XXI.

-Frear a despoboación rural e o seu envellecemento a través da mellora da calidade dos seus servizos e potenciando os seus recursos endóxenos.

-Evitar a contaminación por medio dunha eficaz xestión de residuos.

-Conservar e mellorar a riqueza natural, cultural e paisaxística que posúe este ámbito.

-Garantir a sotibilidade ambiental de todos os investimentos que se realicen neste entorno.

-Fortalecer o tecido económico mediante novas formas de aproveitamento dos valores económicos da Serra do Candán e preservar os xa existentes.

-Converter a Serra do Candán no referente de montaña do interior de Galicia, como polo de atracción turística e deportiva.

González Casares sostén que “estes obxectivos supoñen un reto e un desafío moi importante para o Goberno municipal, pois non só deberemos aportar recursos propios e xestionalos, senón tamén buscar recursos alleos e axilizar os trámites sectoriais para a consecución dos proxectos”.

Como é sabido o Plan Candán xa está activo e en plena execución, tal e como demostran diferentes proxectos de relevancia desenvolvidos ou en proceso de desenvolvemento polo Goberno local. Por exemplo, dentro das actuacións que teñen que ver coa sostibilidade ambiental, o Concello instalou unha depuradora ecolóxica de última xeración en Zobra que dará servizo ao saneamento deste núcleo de poboación. “Ao final do plan”, destaca Casares, “Zobra, A Portela, Liñeiras, Ameixedo, Portela, Portomartín e Bustelos terán garantidos un sistema de xestión de augas residuais adaptado á súa realidade poboacional”.

Dentro desta mesma liña de obxectivos e, no referente a proxectos sostibles coa Comunidade de Montes, o Goberno xa puxo en marcha un exitoso seminario de Apicultura e apiturismo ecolóxico, que despertou un gran interese e contribuiu a promover un novo aproveitamento das riquezas autóctonas da serra. Así mesmo, puxéronse en marcha diferentes iniciativas de divulgación destinadas a implicar a cidadanía na preservación e conservación do Candán.

No ámbito das infraestruturas para a Veciñanza, o Concello xa executou a mellora de vías en núcleos como Gondoriz (Vilatuxe) e, ademais, impulsou medidas de conservación e acondicionamento da área recreativa de Pozo do Boi, que van encamiñadas a que este referente de esparcemento sexa galardonada coa bandeira azul. O Plan Candán contempla outras iniciativas similares coma o mantemento do alumeado público, a colaboración coas CCMM no roce de camiños forestais, ou a reclamación ás operadoras de telecomunicacións para dotar das coberturas necesarias os núcleos do Candán.

No eido da integración paisaxística dos núcleos rurais, o Concello xa activou medidas como o premio Aldea Singular, do que Zobra resultou gañadora no 2017, polo que se beneficiará de diferentes actuacións encamiñadas á mellora do núcleo de poboación. Así mesmo, contémplase a posta en marcha da axudas para a rehabilitación de vivendas, unha iniciativa que está previsto que comece en Bustelos.

Por outra banda, dentro dos proxectos do Plan para a promoción dos valores da Serra do Candán, estase traballando para colocar nova sinalización nas estradas principais da nosa comarca e realizáronse importantes esforzos para promocionar probas deportivas e eventos sostibles no espazo, tales como a Lalín Bike Race, ou o Trail de Vilatuxe. Ademais está en pleno proceso de licitación o proxecto que contempla a ampliación e mellora da rede de sendeiros do Candán, ademais doutras medidas dirixidas ao desenvolvemento dos usos recreativos e veciñais en varios puntos deste espazo da Rede Natura, como son os montes de Vilatuxe, Bustelos e Zobra. O proxecto ten un orzamento duns 100 mil euros e 13 empresas optan á súa adxudicación.

Imaxe corporativa

O Plan Candán conta cunha imaxe corporativa propia que o identifica como proxecto. O deseño toma como referencia algúns do cumios máis significativos da serra (San Bieito, O Coco, e Seixiños Brancos) conxugados nunha imaxe moi representativa do espazo como un conxunto de montes. O logotipo conta con diferentes posibilidades, aínda que na súa forma principal predomina a cor verde en consonancia cos tons da paisaxe da serra.

Roteiros de Lalín