O GOBERNO REÚNESE COAS COOPERATIVAS PARA ANALIZAR A SITUACIÓN DO SECTOR, VALORAR POSIBLES SOLUCIÓNS E AVANZAR NA INTEGRACIÓN

O GOBERNO REÚNESE COAS COOPERATIVAS PARA ANALIZAR A SITUACIÓN DO SECTOR, VALORAR POSIBLES SOLUCIÓNS E AVANZAR NA INTEGRACIÓN
Venres 21 de Outubro de 2016 - O encontro serviu para coñecer de primeira man o punto de vista dos cooperativistas lalinenses con respecto á fusión e valorar as posibilidades que se abren a este respecto no municipio e na comarca. Servirá de punto e seguido para próximos encontros dotados de máis contido encamiñado a conformar estruturas cooperativas máis organizadas e de maior nivel. O alcalde trasladaralle á Consellería de Medio Rural e á presidenta da Deputación o falado na xuntanza.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, acompañado dos concelleiros, Nicolás González Casares, Miguel Medela, Xosé Manuel Hermida, Francisco Vilariño e Lara Rodríguez, mantiveron esta tarde no concello unha reunión con representantes das cooperativas agrarias do municipio e incluso doutras partes da comarca (Cobideza, Campodeza, Aprodeza, Gandeiros de Botos, Valle del Deza, Cooperativa de Castro e O Rodo) á que tamén estiveron convidados partidos políticos, membros da AED e técnicos da Deputación.

O cometido da xuntanza foi o de analizar en conxunto as principais eivas que acucian ao sector agrogandeiro e tratar de propoñer solucións aos diferentes problemas que lastran ao que é un dos principais eixos económicos do concello de Lalín e da comarca. Non obstante, a integración de cooperativas e o análise do sector a nivel galego tras os últimos movementos en aras da fusión cooperativa sucedidos noutras partes do país, foi o asunto máis relevante de cantos se trataron. Neste senso, o alcalde e os demais membros do Goberno quixeron coñecer de primeira man o punto de vista dos cooperativistas lalinenses con respecto a este proceso e valorar as novas posibilidades que se abren a nivel local a este respecto, sempre tendo como obxectivo principal o de garantir a viabilidade e o futuro do sector. O rexedor ofreceu toda a colaboración por parte do Goberno de Lalín na busca de solucións e avogou pola paulatina integración como modelo que permita unha maior eficiencia na xestión dos recursos, un maior peso nas negociacións e máis apoio directo aos produtores por parte das cooperativas, para así optimizar custos e conseguir a sustentabilidade e a rendibilidade das explotacións gandeiras que actualmente pasan por serios apuros económicos. Neste sentido, a xuntanza tratou de ser o primeiro paso neste complexo e longo proxecto e servirá de punto e seguido de cara a próximos encontros dotados de máis contido encamiñado a conformar estruturas cooperativas máis organizadas e de maior nivel superando así un anhelo histórico de Lalín e da comarca.

O alcalde indicou que solicitará reunións coa Consellería de Medio Rural e coa Deputación para trasladar todo o falado na reunión desta tarde e ofreceulles ás cooperativas todo o apoio necesario dende o Concello, sobre todo a nivel de asesoramento, para seguir dando pasos adiante. Por último, Rafael Cuíña, que a semana pasada xa mantivera unha serie de encontros previos coas cooperativas para pulsar a súa situación e coñecer as súas perspectivas, volveu dar mostras da súa “fonda preocupación pola crise láctea” e indicou que “o Goberno de Lalín seguirá estando en todo momento ao lado dos gandeiros e apoiando todas as súas reivindicacións”.

Roteiros de Lalín