O GOBERNO PROXECTA A SEGUNDA FASE DA URBANIZACIÓN DA PRAZA DE GALICIA

O GOBERNO PROXECTA A SEGUNDA FASE DA URBANIZACIÓN DA PRAZA DE GALICIA
Mércores 13 de Septembro de 2017 - O deseño encargarase ao arquitecto paisaxista Martín Toimil, que xa desenvolveu a primeira fase. O Concello prevé destinar a estas actuacións parte do superávit e levalas a cabo como investimento financeiramente sostible. A iniciativa, que servirá para acondicionar e humanizar o entorno cunha zona verde, completarase nos vindeiros anos cunha terceira e definitiva fase.

O Concello de Lalín xa está a traballar no deseño da segunda fase das obras de urbanización da praza de Galicia, situada a carón da casa consistorial, na zona do Regueiriño. Con esta iniciativa, o Goberno avanzará no acondicionamento para uso público de toda a cidadanía dunha zona cuxa primeira fase, ademais da habilitación de accesos e servizos, se limitou a dotar de herba á explanada de terra que ocupa a meirande superficie da praza. A actuación prevista agora forma parte do programa de iniciativas que -tal e como xa anunciara o alcalde, Rafael Cuíña- permitirán embelecer o casco urbano e facer de Lalín unha vila moito máis atractiva, e nas que se enmarcan os traballos de humanización que se están a levar a cabo na rúa Matemático Rodríguez ou os que se van desenvolver nas rúas Principal e Joaquín Loriga o próximo ano.

O deseño da proposta -que pretende definir un espazo máis humanizado, agradable e integrado co entorno- será encomendado ao arquitecto paisaxista Martín Toimil, que en palabras do concelleiro de Urbanismo, resulta “a persoa idónea pola súa traxectoria profesional e porque o seu estudio xa foi o encargado de deseñar o inicio destas actuacións, co cal garantiremos unha integración perfecta con respecto ao xa executado”. Nicolás González Casares lembra que, non hai moito, o propio Toimil afirmaba nunha entrevista que completar o deseño da praza de Galicia é a mellor iniciativa que queda por facer en Lalín. Ademais explica que a intención é que as actuacións desta segunda fase se financien como investimento financeiramente sostible con cargo a parte do superávit do exercicio pasado, un aspecto que xa se lle comunicou ao principal grupo da oposición.

En liñas xerais, a segunda fase do proxecto ten como principal obxectivo potenciar a zona como lugar de esparcemento público para os residentes dos edificios próximos e tamén para o conxunto da cidadanía, que cada vez acode máis a este lugar dada a súa proximidade a un parque infantil e ao paseo do Pontiñas. Nesta liña, a filosofía coa que traballa o Goberno baséase en acondicionar a superficie da praza de Galicia de acordo cun modelo urbanístico máis moderno e visualmente atractivo, no que a distribución de espazos -que incluirán unha ampla zona verde e axardinada- garanta a mobilidade e accesibilidade de todos os usuarios. Dentro do deseño da nova praza, estase a valorar a posibilidade de integrar tamén un carballo, como elemento de identidade do concello de Lalín e símbolo da aposta do Goberno polo medio ambiente.

Por outra banda, a actuación formará parte dun plan integral de mellora que, de maneira paralela e coordinada, tamén inclúe a instalación de luminarias no recinto, para dar resposta ás necesidades da veciñanza. Por último, nunha terceira e definitiva fase do proxecto de urbanización, que se desenvolverá nos vindeiros anos, tamén se contempla habilitar un espazo cunha lámina de auga.

  • O deseño encargarase ao arquitecto paisaxista Martín Toimil, que xa desenvolveu a primeira fase

  • O Concello prevé destinar a estas actuacións parte do superávit e levalas a cabo como investimento financeiramente sostible

  • A iniciativa, que servirá para acondicionar e humanizar o entorno cunha zona verde, completarase nos vindeiros anos cunha terceira e definitiva fase

Roteiros de Lalín