O GOBERNO FELÍCITASE POLO ÉXITO DO PROGRAMA DE ACTIVIDADES CULTURAIS E DE OCIO DESENVOLVIDO ESTE VERÁN

O GOBERNO FELÍCITASE POLO ÉXITO DO PROGRAMA DE ACTIVIDADES CULTURAIS E DE OCIO DESENVOLVIDO ESTE VERÁN
Sábado 29 de Agosto de 2015 - O alcalde valora a participación da veciñanza como excepcional e apunta que o modelo terá continuidade a partir de outono.

O Goberno municipal de Lalín cualificou hoxe de “auténtico éxito” os resultados do programa de actividades de dinamización cultural, social e de ocio desenvolvidas en Lalín durante os meses de verán. “Este mesmo domingo”, lembrou o alcalde, “temos unha ampla oferta de alternativas, para todos os segmentos de poboación, que demostran que si había outro xeito de facer as cousas para conseguir que a xente volvese a saír á rúa”.

O amplo abano de actividades desenvolvidas no verán incluíu por exemplo actuacións musicais de diferentes estilos (do máis tradicional, ao pop e ao rock ou á música de DJs), así como o apoio aos festivais das bandas radicadas en Lalín, a Feira Medieval, a Feira Intercultural, cursos de gastronomía e postos de artesanía.

Este domingo terá lugar a Festa Interxeracional, que se complementará con actividades de rúa para outro tipo de público, como unha nova xornada do Festival Titirideza. “E aínda quedan as festas de setembro coas que lle poñeremos o peche a case tres meses nos que en Lalín se lle deu un tremendo impulso ao ocio”, asegura Cuíña, quen a continuación apunta que “boa parte dos bos resultados son consecuencia de medidas tan sinxelas como a peonalización parcial da rúa Rosalía de Castro durante as fins de semana”.

A revitalización do ocio está moi vencellada tamén á revitalización económica dunha vila. É por iso polo que a intención do goberno municipal é darlle continuidade a este modelo a partir do outono, contando sempre coa colaboración de comerciantes e hostaleiros. O rexedor reitera que este tipo de iniciativas son extensivas a outras épocas do ano e a outros puntos da vila, sempre e cando os sectores implicados presenten, como se fixo ata o de agora, os pertinentes plans de dinamización.

Rafael Cuíña considera que de esta maneira se están empezando a deixar atrás “as vellas queixas de que en Lalín non había unha oferta de ocio axeitada”. Para o alcalde “o ambiente que se respiraba na rúa nos últimos meses demostra que o Goberno está empezando a reverter esa situación e que Lalín está empezando a converterse nun referente para a xente doutras localidades da comarca do Deza”.

Queremos que a nosa vila recupere a marcha que tivo noutras épocas, pero que o faga sempre de forma saudable e en positivo”, asegurou, por último, Cuíña.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín