O GOBERNO DE LALÍN REALIZARÁ ESTE ANO UN “ESFORZO SEN PRECEDENTES” PARA FOMENTAR A CREACIÓN DE EMPREGO NO MUNICIPIO

O GOBERNO DE LALÍN REALIZARÁ ESTE ANO UN “ESFORZO SEN PRECEDENTES” PARA FOMENTAR A CREACIÓN DE EMPREGO NO MUNICIPIO
Luns 26 de Febreiro de 2018 - O Concello ten previsto destinar en 2018 preto de 1,4 millóns de euros a diferentes iniciativas que permitirán a contratación de 150 persoas. Cuíña indica que estes datos demostran que o Goberno está a dar unha resposta extraordinaria para reducir as cifras do paro en Lalín. Fernández lembra que o desemprego baixou en preto de 400 persoas dende inicio do mandato. Casares explica que o Concello vén de presentar unha nova solicitude á Xunta para a contratación de 20 persoas perceptoras da RISGA. O Concello segue á espera de que a Consellería de Economía autorice os plans municipais de emprego para mozos e parados de longa duración maiores de 45 anos.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, e o concelleiro de Emprego, José Manuel Fernández, salientaron esta mañá que o Concello de Lalín vai realizar “un esforzo sen precedentes ao longo deste ano para fomentar a creación de emprego no municipio”. En concreto, o Concello ten previsto destinar en 2018 preto de 1,4 millóns de euros a diferentes plans e iniciativas que permitirán a contratación de 150 persoas. En palabras de Cuíña, estes datos demostran que “o Goberno de Lalín está a traballar de maneira decidida para dar unha resposta extraordinaria á difícil situación laboral que están a atravesar moitas familias do municipio con varios ou algún dos seus membros no paro”. “Trátase”, segundo José Manuel Fernández, “dunha absoluta prioridade para o Goberno municipal dende o inicio de mandato e que xa está a dar os seus resultados, tal e como demostra o feito de que dende xuño de 2015 as cifras de desemprego se reducisen en preto de 400 persoas no concello de Lalín”.

Para avanzar neste obxectivo, o Concello ten previsto activar un novo programa municipal para a contratación temporal de desempregados. Con respecto a esta iniciativa, o concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, resalta o marcado carácter social desta proposta, “xa que a intención é contratar a 20 persoas en situación ou risco de exclusión social e que sexan perceptoras da RISGA, para o que xa se solicitou unha subvención de preto de 183 mil euros á Consellería de Economía, Emprego e Industria”. O tenente de alcalde detalla que, unha vez se reciba o visto e prace da Xunta, esas 20 persoas poderán ser contratadas durante sete meses ao 75 por cento da xornada. En concreto, estes contratos permitirán reforzar a actividade do desván municipal, coa incorporación de 1 auxiliar administrativo, 4 auxiliares de almacén e 1 repartidor. Tamén se contempla a contratación de 2 auxiliares de servizos sociais para traballos de acompañamento a persoas maiores, 4 auxiliares de xardinería para o acondicionamento de solares municipais, 3 pintores para instalacións municipais e 5 porteiros para labores auxiliares no servizo de deportes.

Pola súa banda, o concelleiro de Emprego lembra que esta nova iniciativa “virá a sumarse a outros cinco plans ou programas que ao longo deste ano permitirán a incorporación desas 150 persoas”. Entre eles destaca o Programa Mocidade Activa, dirixido a 75 mozas e mozos do concello de Lalín, que teñan entre 16 e 29 anos. A través desta iniciativa -que terá un investimento de 462.210,00 euros (dos que preto de 425 euros estarán subvencionados polo Fondo Social Europeo)- os beneficiarios terán a oportunidade de mellorar a súa cualificación profesional e adecuar as súas competencias ás demandas do mercado laboral a través de 5 itinerarios integrados de formación/inserción que creen ou melloren as súas capacidades técnicas e persoais para acceder a un emprego estable e de calidade.

Por outra banda, o Goberno vén de aprobar destinar 347.100 euros da liña 3 do Plan de Concellos da Deputación de Pontevedra (a contía máxima permitida), á contratación de 31 novos traballadores e traballadoras en situación de desemprego. Neste caso, os contratos terán unha duración de entre 7 e 9 meses, dependendo do posto de traballo. A elección dos postos necesarios levouse a cabo de modo acordado entre todos os membros do Goberno e tras analizar as principais necesidades do Concello e dos lalinenses, así como as prioridades de actuación e as carencias de cada servizo. Deste xeito, reforzarase a brigada de obras e darase continuidade, unha ano máis, a unha brigada ambiental que se dedicará en exclusiva a manter en perfecto estado o paseo do Pontiñas. Ademais, cos novos contratos búscase dar saída ás necesidades de persoal dos servizos xerais. Como novidade incorporarase un filólogo especialista en toponimia solicitado pola concelleira de Cultura, que terá entre as súas funcións investigar as denominacións en determinadas zonas para bautizar rúas que carecen de nome a través da comisión do rueiro. Unha vez o Servizo Público de Emprego, remita a relación de posibles candidatos para cada posto, o Concello abrirá o proceso selectivo para cubrir as diferentes vacantes.

Ademais, José Manuel Fernández lembra que o Concello ten xa en marcha a segunda fase do Obradoiro de Emprego “Rivero Social II”, “unha ambiciosa iniciativa do Concello de Lalín que permitirá seguir avanzando na rehabilitación e acondicionamento de 6 antigas vivendas do Manuel Rivero e que beneficia a un total de 20 alumnas e alumnos, xunto co equipo directivo e docente. Está proposta está a permitir que, durante nove meses, 12 persoas se formen na especialidade de auxiliar de revestimentos en construción e 8 na de instalación de elementos de carpintería, realizando unha obra de utilidade pública e de interese social. O Obradoiro de Emprego conta cun orzamento de máis de 360 mil euros, dos que case 280 mil están subvencionados pola Consellería de Emprego.

Finalmente, nos vindeiros meses tamén está prevista a incorporación ao Concello de 4 bolseiros da Deputación de Pontevedra. Dous deles desenvolverán tarefas de auxiliar administrativo, un de enxeñeiro industrial e outro de técnico de medio ambiente.

Malia a importancia e ao bo resultado das iniciativas para o fomento e a creación de emprego que está a desenvolver o Concello, o alcalde de Lalín lembra que o Goberno “leva máis dun ano e medio agardando a que a Xunta de Galicia autorice tamén os plans municipais de fomento do emprego para mozos e para parados de longa duración maiores de 45 anos”. Rafael Cuíña recorda que se trata de “dúas iniciativas dotadas cun orzamento de 135 mil euros -procedentes de fondos do propio Concello- e que permitirían contribuír a loitar contra a lacra do paro no municipio con actuacións dirixidas a aquelas persoas que, en principio, teñen menos posibilidades de acceder a un posto de traballo”. Unha das súas liñas está destinada a que mozas e mozos con idades comprendidas entre os 18 e os 25 anos poidan acceder a prácticas non laborais en empresas do municipio. A outra ten por obxecto establecer subvencións para o fomento do emprego local mediante a contratación de paradas e parados de longa duración maiores de 45 anos.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín