O GOBERNO DE LALÍN APROBA UNHAS BASES DE CONTRATACIÓN DE PERSOAL MÁIS TRANSPARENTES E OBXECTIVAS QUE NA ETAPA ANTERIOR

O GOBERNO DE LALÍN APROBA UNHAS BASES DE CONTRATACIÓN DE PERSOAL MÁIS TRANSPARENTES E OBXECTIVAS QUE NA ETAPA ANTERIOR
Martes 9 de Febreiro de 2016 - O concello elimina a entrevista nos procedementos de contratación e crea listas de para cubrir os postos demandados. Contrataranse monitoras/es deportivos, persoal de limpeza e axentes de aparcadoiro. Coa creación destes postos dase resposta ás demandas actuais do Concello, “aínda que no futuro seguiranse abrindo novas bolsas”.

A concelleira de Emprego, Katia Procino, e o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, presentaron unha nova bolsa de contratación de persoal laboral municipal. O obxectivo da súa creación é o de cubrir as demandas actuais do Concello, ademais de ofrecer así novas oportunidades de emprego. Segundo explicaron, a posta en marcha da citada bolsa “abrirá unha nova etapa de máis transparencia no ámbito da contratación laboral”, xa que servirá para “iniciar unha selección de persoal xusta e obxectiva, garantindo a igualdade de todas e todos os aspirantes” a diferenza, din, “do que se viña facendo nesta casa, onde era habitual a celebración de procesos selectivos canto menos confusos”. Entre as principais novidades introducidas polo Goberno de Lalín neste procedemento, enmárcase a supresión das entrevistas laborais e a creación de listados de contratación.

Os concelleiros explicaron que o actual Goberno detectou a existencia, nalgunhas ocasións, de “traballadores que levan moitos anos empregados no Concello e que non tiveron nin sequera que pasar un exame”. Isto débese a que simplemente, un concurso de méritos e unha entrevista laboral, eran merecementos suficientes para conseguir un posto de traballo. O actual Goberno viu necesario cambiar estes métodos, considerando que o anterior “era un sistema que favorecía o nepotismo e os privilexios, polo que sementaba fondas dúbidas na cidadanía, algo que agora deixará de suceder”.

Asemade, as bases das bolsas de emprego estipulan a elaboración de listas de reserva distintas en función de cada unha das categorías profesionais dos postos de traballo ofertados, de conformidade coa RPT deste Concello. Dispoñer dun listado de contratación permite non ter que realizar exames cada vez que se fai necesario contratar persoal laboral dunha determinada modalidade, ademais de “inserir unha orde de prelación clara e baseada en probas totalmente obxectivas”.

A bolsa de emprego do Concello de Lalín ríxese por unhas bases que versan sobre os principios de publicidade, igualdade e transparencia. O documento recolle a contratación de persoal para tres modalidades laborais diferentes. En primeiro lugar prevé, de entrada, a creación de tres prazas, dúas a tempo completo e unha a media xornada, para os postos de monitora ou monitor deportivo no Lalín Arena. As persoas que concorran a este proceso de selección terán na súa fase de oposición a obrigatoriedade de realizar un exame teórico, así como a de pasar un concurso de méritos baseado na formación e na experiencia profesional.

Por outro lado, contémplase a contratación a tempo completo dunha praza de persoal de limpeza e doutras 4 a tempo parcial. Esta bolsa tamén establece a obrigatoriedade de superar unha proba teórica, un concurso de méritos e, a maiores, unha proba de tipo práctico.

En terceiro lugar está prevista a creación de 4 prazas de axente de párking, 3 delas a xornada completa e unha a media xornada. A fase de oposición para os citados postos consistirá unicamente na superación dunha proba de carácter teórico. Destacar que unha destas prazas se reserva para persoas con discapacidade. O Goberno segue así tratando de introducir iniciativas que fomenten a igualdade laboral de todas as persoas, sexa cal sexa a súa condición, sendo a primeira vez que dende o Concello de Lalín se leva a cabo unha medida similar en prol da igualdade de oportunidades.

Unha vez que as bases reguladoras do proceso sexan publicadas no BOP haberá un prazo de 10 días hábiles para presentar solicitudes de participación. Casares e Procino fixeron fincapé en que todo o procedementoo se levará a cabo “con absoluta publicidade e total transparencia, para que ninguén se quede sen poder optar a esta convocatoria”. As bases serán colgadas na páxina web do Concello proximamente.

Roteiros de Lalín