O GOBERNO DE LALÍN AMPLÍA ATA OS 10 MIL EUROS A COLABORACIÓN ECONÓMICA CON ASPADEZA

O GOBERNO DE LALÍN AMPLÍA ATA OS 10 MIL EUROS A COLABORACIÓN ECONÓMICA CON ASPADEZA
Luns 20 de Novembro de 2017 - Son 3.000 euros máis que o aportado o ano pasado, de modo que todas as entidades lalinenses do eido social viron este exercicio aumentada a axuda económica municipal. Os usuarios de Aspadeza volverán participar nos traballos do Desván Municipal e nas tarefas de sinalización de Roteiros de Lalín. Cuíña e González Casares destacaron “a importantísima labor do colectivo, que é todo un referente na integración social das persoas con discapacidade”.

O Concello de Lalín renovou hoxe o convenio de colaboración coa Asociación de Pais de Diminuídos Psíquicos de Deza (Aspadeza), polo que se establece unha achega municipal de 10.000 euros para contribuír ao desenvolvemento do programa de atención a persoas con discapacidade que leva a cabo a entidade, co fin de facilitar e integración social deste colectivo. O Goberno de Lalín amplía, deste xeito, en 3.000 euros o apoio económico a esta asociación con respecto ao ano pasado. Trátase dun aumento moi significativo, aínda que como lembraron o alcalde e o concelleiro de Benestar “este ano non só se incrementou a colaboración con Aspadeza, senón con todas as entidades que traballan no eido social, alcanzando os 20 mil euros de axudas municipais”.

Cuíña e González Casares, que xunto coa presidenta de Aspadeza, María Taboada, e a directiva, Ángeles Baldonedo, participaron na rúbrica, agradeceron a gran implicación da entidade en diferentes propostas municipais. Nesta liña lembraron que o renovado acordo recolleu por primeira vez o ano pasado, en materia de colaboración a favor da integración, a posta en marcha de participacións puntuais de membros de Aspadeza nos traballos do Desván Municipal e na sinalización dos Roteiros de Lalín, ambas tarefas enmarcadas dentro das accións externas levadas a cabo pola asociación e que os membros do centro ocupacional desenvolveron de maneira moi eficiente. Do mesmo xeito, o documento volve recoller a colaboración dos usuarios de Aspadeza no mantemento das instalacións do propio centro e a realización de tarefas de limpeza de xardineiras municipais.

Rafael Cuíña e González Casares fixeron fincapé na “importantísima e impagable labor social de Aspadeza, que é todo un referente na atención e na loita en favor da integración das persoas con discapacidade psíquica”. Ao mesmo tempo, remarcaron que o Goberno de Lalín ten como unha das súas máximas prioridades o desenvolvemento de políticas sociais, feito polo que “se reforzou este convenio cunha maior aportación económica e se repetiron as medidas de colaboración a favor a integración dos usuarios de Aspadeza”.

Finalmente adiantaron que o Concello está traballando nunha axuda suplementaria doutros 1.000 euros cunha entidade de colectores de roupa para que se destinen integramente a Aspadeza.

Roteiros de Lalín