Todos os cualificativos se quedan curtos para definir o éxito da mobilización gandeira que onte ateigou as rúas de Lalín nunha marcha histórica en defensa do sector lácteo. Tras a demostración de forza e civismo de toda a comarca do Deza, o Goberno municipal considera que “os milleiros de persoas que este mércores saíron á rúa para reclamar o que en xustiza lles pertence veñen de darnos un exemplo de dignidade e unha lección de unidade que debe reafirmar o noso compromiso coas súas lexítimas demandas”.
O Concello de Lalín considera, ademais, que o éxito da manifestación en defensa do sector lácteo debe marcar un antes e un despois para aqueles que están a seguir “unha estratexia claramente equivocada e ineficaz”. Neste sentido o Goberno local esíxelle á Xunta de Galicia que se deixe de “marear a perdiz con reunión baleiras de contido que só serven para visualizar a políticos frustrados que saen moi tocados ante a cidadanía tras o día de onte”.
O Concello manifesta unha vez máis a súa vontade inequívoca de apoio ao sector lácteo e reitera que nunca cualificará de “algaradas” -como fai o Partido Popular- as dignísimas e necesarias reivindicacións dun sector económico e social que é estrutural para esta comarca, un sector ao que algúns intentan silenciar nun exercicio de irresponsabilidade nunca coñecido anteriormente neste concello.
Por outra banda, o Goberno de Lalín non entende a reunión coa conselleira de Medio Rural cando o propio ex alcalde, José Crespo, afirma en privado que Rosa Quintana non ten nin idea do que é este sector. Finalmente, o Concello lamenta que tras xuntanzas con 50 alcaldes do Partido Popular e con cooperativas ideoloxicamente próximas (e non con aquelas máis combativas) se siga sen tomar medidas valentes, como as que se adoptan en defensa do sector en Francia.