O Goberno municipal convoca a comerciantes, hostaleiros e veciños a un encontro, o próximo martes, para explicar como se vai desenvolver a primeira fase do proceso de peonalización do centro, que beneficiará a parte da rúa Principal e a toda a Joaquín Loriga. A xuntanza, que terá lugar na sala de prensa do Concello ás 21.00 horas, vai ser o primeiro dos encontros que se desenvolverán nas próximas semanas para dar a coñecer en detalle as intencións do Goberno municipal, resolver dúbidas e recoller suxestións.
Estes encontros complementaranse con charlas informativas específicas que se realizarán en colaboración coa AED e que, coa participación de expertos, queren dar a coñecer como se levou a cabo o proceso de peonalización en vilas semellantes a Lalín e cales foron os beneficios que experimentaron os comercios e os locais de hostalería das rúas humanizadas. De maneira complementaria, o Goberno local e asociación de empresarios organizarán viaxes a localidades con rúas peonís para que os interesados poidan coñecer in situ e de primeira man os efectos positivos da peonalización.
Todas estas medidas inclúense dentro da intención do Goberno municipal de apostar pola pedagoxía en lugar da imposición para levar a cabo unha das súas grandes apostas para este mandato. O alcalde lembra que xa se aplicou unha experiencia semellante durante este verán na rúa Rosalía de Castro ou na Colón, unha iniciativa que demostrou o seu éxito porque se conseguiu dinamizar de maneira notable a actividade económica e social destas zonas durante as fins de semana.
Rafael Cuíña lembra “que o principio había certas reticencias pero que ao final todo o mundo estaba encantado e incluso os comerciantes e hostaleiros de outras rúas de Lalín nos viñeron a pedir que lles permitísemos facer o mesmo”. “A peonalización é un proceso inevitable que ao final acaban reclamando os propios comerciantes e hostaleiros”, engade.
Tal e como xa se anunciou, o Goberno incluirá nos orzamentos do vindeiro ano unha partida para acometer o inicio da peonalización das rúas do casco urbano de Lalín. A primeira fase desta iniciativa desenvolverase nun treito da rúa Principal e na rúa Joaquín Loriga. A data prevista para o peche destas rúas ao tráfico é o próximo 22 de decembro.
O tenente de alcalde, Nicolás G. Casares, apunta que desta maneira “empezarase a dar cumprimento a un dos principais obxectivos do Goberno en materia urbanística para este mandato: a humanización de Lalín e a dinamización social e económica da zona onde o peso da hostalería e o comercio é maior”. “Trátese”, afirma, “do primeiro paso para pechar unha trama urbana mais humana”.
A intención da peonalización é, precisamente, facer das rúas un lugar de convivencia que teña como eixe ás persoas e non aos automóbiles. Con este modelo, apunta Casares, “os veciños de Lalín verán incrementada a súa calidade de vida, e os establecementos do casco urbano notarán sen dúbida os efectos beneficiosos das rúas pechadas ao tráfico, como sucede en cidades como Pontevedra ou en vilas como O Carballiño e Betanzos”.
Finalmente, o alcalde, Rafael Cuíña, lembra ademais que esta primeira fase do proceso de peonalización non tería sido posible sen a compra do parking Europa e sen a rebaixa de 400 mil euros conseguida sobre o que tiña comprometido o anterior Goberno de José Crespo.