O GOBERNO APROBA AS BASES PARA A ADXUDICACIÓN DE MELLORAS NO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR

Mércores 7 de Febreiro de 2018 - As novas prestacións conseguidas no contrato do SAF inclúen os servizos de fisioterapia, a teleasistencia e o préstamo de instrumentos técnicos de apoio. González casares sinala que as melloras “constitúen un novo esforzo do Goberno para que as persoas máis necesitadas poidan recibir todas as atencións no seu domicilio”. As solicitudes poderanse formalizar durante o mes de abril.

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publicou hoxe as bases aprobadas recentemente en Xunta de Goberno que regulan a adxudicación das diferentes melloras asociadas ao contrato en execución do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que presta o Concello de Lalín. Como explica o tenente de alcalde e concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, “derivadas do novo contrato do SAF conseguíronse diferentes melloras como fisioterapia, acompañamento, axudas técnicas etc. Que incrementarán notablemente as prestacións e a calidade na aplicación deste imprescindible servizo social”. “Estas melloras”, prosegue, “constitúen un novo esforzo do Goberno para que as persoas máis necesitadas poidan recibir todas as atencións no seu domicilio”.

O prazo de presentación de solicitudes para o acceso aos servizos de teleasistencia, fisioterapia e de préstamo de axudas técnicas estará aberto durante o mes de abril. As solicitudes e demais documentación presentaranse de xeito obrigatorio nos modelos normalizados establecidos a tal efecto. Ditos modelos facilitaranse na Concellería de Benestar Social, no Rexistro Xeral do Concello de Lalín e na páxina web www.lalin.gal. As solicitudes presentadas serán recibidas pola concellería con competencias en servizos sociais e valoradas conforme aos criterios das bases segundo corresponda. Unha vez avaliadas as solicitudes, á vista das horas e unidades dispoñibles segundo o establecido nas bases, de acordo cos criterios de valoración previstos na convocatoria, realizarase un informe xurídico social en base ao que a Xunta de Goberno resolverá o expediente denegando ou adxudicando as prestacións.

Entre outras, poderán ser beneficiarias dos servizos/préstamo de axudas técnicas as persoas que teñan en trámite ou recoñecido un grao de dependencia. As que teñan en trámite ou recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento, ou as persoas en situación de alta no servizo de axuda no fogar municipal nas súas dúas modalidades.

Entre as melloras, o servizo de fisioterapia comprende o conxunto de métodos, actuacións e técnicas que, mediante a aplicación de medios físicos, preveñen as enfermidades, promoven a saúde, recuperan e readaptan as persoas afectadas de disfuncións psicofísicas ou as que se desexa manter nun nivel adecuado de saúde, co fin de mellorar o benestar físico da persoa e facilitar a súa reinserción social plena. Con respecto ao servizo de teleasistencia, este ten por finalidade atender ás persoas beneficiarias mediante o uso de tecnoloxías da comunicación e da información, observando as medidas de accesibilidade axeitadas para cada caso, e apoio dos medios persoais necesarios, en resposta inmediata ante situación de emerxencia, ou de inseguridade, soidade e illamento, co fin de favorecer a súa permanencia no seu medio habitual. En total habilitaranse unha trintena de dispositivos. As axudas técnicas comprenden os produtos de apoio, equipamento, instrumento, tecnoloxía ou software, fabricados especialmente ou dispoñibles no mercado, para previr, compensar, controlar, mitigar ou neutralizar deficiencias ou limitacións na actividade e restricións na participación social das persoas.

Poñeranse a disposición dos usuarios 20 grúas de mobilización persoal, 10 cadeiras xiratorias para bañeiras, 6 bandexas de lavado de cabeza para persoas encamadas, 10 cadeiras de ducha, 10 cadeiras de rodas,6 bastóns de 3 patas, 6 pares de muletas, 6 discos de transferencia para persoas con dificultade de mobilidade e 20 caixas para comprimidos e medicacións.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín