O GOBERNO APROBA AS AXUDAS A ENTIDADES SOCIAIS ÁS QUE SE DESTINAN POR TERCEIRO ANO UN TOTAL DE 15 MIL EUROS

O GOBERNO APROBA AS AXUDAS A ENTIDADES SOCIAIS ÁS QUE SE DESTINAN POR TERCEIRO ANO UN TOTAL DE 15 MIL EUROS
Luns 23 de Abril de 2018 - As achegas permitirán desenvolver programas e actividades que beneficien a persoas e colectivos que se atopen en situación de desvantaxe.

O concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, anunciou que o Goberno de Lalín vén de aprobar en Xunta de Goberno as subvencións a asociacións ou entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de actuacións no ámbito dos servizos sociais para o exercicio 2018. Tal e como xa se adiantara, o Concello destina a este fin un total de 15.000 euros que servirán para o desenvolvemento, durante este ano, de programas e actividades que beneficien a colectivos de persoas do termo municipal de Lalín que se atopen en situación de desvantaxe. En palabras do concelleiro este programa que se pon en marcha por terceiro ano consecutivo, supón “un nova constatación da aposta do Goberno local polas políticas sociais, un dos piares primordiais da actuación municipal en Lalín para este mandato”. Unha vez que se publique o texto das bases reguladoras destas axudas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, abrirase o prazo de solicitudes.

Entre os obxectivos desta convocatoria están, por exemplo, os de promover a iniciativa social, a participación comunitaria ou o asociacionismo solidario e a innovación en materia de prestación de servizos sociais. Tamén se pretenden fomentar iniciativas que promovan a inclusión social e que loiten contra as desigualdades, apoiar a profesionalización das entidades de prestación social sen ánimo de lucro ou corrixir déficits na cobertura ou na prestación de servizos sociais por parte da administración municipal.

Casares explicou que a activación destas achegas municipais xa permitiu levar a cabo nos últimos anos importantes programas a favor da integración de persoas con diversidade funcional, mellorar a atención sociosanitaria, activar programas de educación comunitaria e, en definitiva, mellorar a solidariedade do concello de Lalín con aqueles que máis o precisan. Ademais, estas subvencións tamén permiten a contratación de profesionais do ámbito do traballo social por parte das asociacións, de xeito que “non só estamos axudando a entidades sen ánimo de lucro de cara a fins sociais, senón que tamén estamos favorecendo o emprego colaborando no pago de salarios”.

O tamén tenente de alcalde lembrou finalmente que as entidades interesadas teñen á súa disposición os Servizos Sociais do Concello para asesorar ou informar sobre a tramitación das subvencións.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín