O FESTIVAL ATLÁNTICA LEVA 4 ESPECTÁCULOS ATA LALÍN

O FESTIVAL ATLÁNTICA LEVA 4 ESPECTÁCULOS ATA LALÍN
Martes 13 de Marzo de 2018 - Noelia Carioca, Boniface Ofogo e Avelino González serán os narradores das funcións dos días 16, 20 e 21, respectivamente. Haberá pases para adultos e tamén para o público infantil, todos elas gratuítos ata completar o aforo.

A sexta edición do Festival Atlántica de narración oral, grazas á colaboración do Concello de Lalín, achegará catro espectáculos gratuítos en distintos centros da vila. As funcións terán como protagonistas a salmantina Noelia Carioca, o camerunés Boniface Ofogo e mais o galego Avelino González.

A primeira das funcións será o venres 16 de marzo na Biblioteca Municipal Varela Jácome a partir das 18 horas e estará dirixida ao público infantil e familiar. Os ‘Contos e papaventos’ de Noelia Carioca van tomar vida co apoio de bonecos, obxectos e instrumentos musicais que desfilarán para facer voar alto coma os papaventos grazas á imaxinación. Un espectáculo cheo de animais, poesía e ritmo para rir, soñar e gozar.

Haberá que agardar ata a o 20 de marzo para que o Atlántica recale de novo en Lalín, desta volta con Boniface Ofogo, que ofrecerá dúas funcións. A primeira será no Museo Municipal Ramón María Aller, ás 18 horas, e estará dirixida aos nenos entre 3 e 8 anos. Os pequechos van gozar das historias de ‘O león Kandinga’, un espectáculo, baseado no libro do mesmo título, que é unha fábula sobre os comportamentos humanos. Un convite a unha viaxe imaxinaria ata a afastada sabana africana para coñecer os seus habitantes.

Un chisco máis tarde, ás 20:30 horas e no mesmo sitio, os adultos tamén terán a oportunidade de gozar coas historias de Ofogo na función ‘Contos eróticos africanos’. Nesta sesión os asistentes van poder percorrer o mundo erótico da África tradicional e descubrir que posúe humor, picardía e un sentido moi avanzado da sexualidade.

A última función do festival Atlántica no concello será o mércores 21 de marzo, cando Avelino González ofreza unha sesión dos seus ‘Contos de contrabando’ no Círculo de Recreo Casino de Lalín, a partir das 20:30 horas. Será a ocasión de escoitar as historias pequenas que agocha dentro a xente grande, algunha dela, xente veciña.

Voces de aquí e de acolá

Noelia González, alias ‘Carioca’, é licenciada en Pedagoxía, pero dende que descubriu o poder da palabra dedícase á narración oral. Leva os seus contos a escolas, bibliotecas, prazas e garderías, sempre coa a maleta chea de obxectos que toman vida nos seus espectáculos. Compaxina os contos coa docencia nunha escola de circo e coa interpretación.

Boniface Ofogo naceu e criouse nunha aldea do interior de Camerún. Chegou a España en 1988 para estudar Filoloxía Hispánica e en 1992 comezou a traballar como narrador. Exerceu de mediador intercultural no Concello de Madrid, pero dende o 2005 dedícase en exclusiva a percorrer escolas, bibliotecas e centros culturais relatando historias de valor didáctico e cultural. É especialista en fábulas, lendas, mitos e tradicións da África negra. Os seus contos xa percorren case toda España e países como Francia, Brasil, Costa Rica, Colombia ou Arxentina.

Avelino González e actor, contador, tradutor e director. Traballou en teatro, televisión, cine e bares. Ao longo da súa carreira, participou en compañías como Ollomoltranvía, en espectáculos como Commedia, en películas como Heroína ou Gallego, e en series de televisión como Padre Casares, Cuéntame ou Hopital Central, entre outras. Cos contos xa percorreu toda a península, boa parte de Europa (Polonia, Alemaña, Suíza…) e saltou o Atlántico (Cuba). Unha das súas obras, Vento mareiro, foi o espectáculo máis representado en Galicia no 2005 e recibiu o Premio María Casares á Mellor Música Orixinal.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín