O DESVÁN MUNICIPAL ESTREA NOVO LOCAL NA RÚA MEMORIAS DUN NENO LABREGO

O DESVÁN MUNICIPAL ESTREA NOVO LOCAL NA RÚA MEMORIAS DUN NENO LABREGO
Venres 2 de Decembro de 2016 - O cambio non afecta de ningún modo ao funcionamento normal do almacén social, que continúa tendo como día de funcionamento os xoves, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 18.00 horas.

O concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, acudiu onte ás novas instalacións do desván municipal para supervisar o seu recente cambio de local. Este servizo municipal abriu por vez primeira nos baixos das antigas casas dos mestres do colexio Xesús Golmar, na rúa Memorias dun neno labrego. Anteriormente o desván estaba instalado nas antigas casas do Manuel Rivero, que en parte van ser rehabilitadas no obradoiro de emprego “Rivero Social Lalín”, o que motivou a mudanza.

Como indicou o concelleiro, o desprazamento do desván non fixo senón mellorar as condicións do servizo. Isto débese en boa parte a que os baixos no que agora se ubica foron acondicionados pola brigada de obras e servizos, coa súa limpeza, pintado, e mediante o arranxo dos sistemas eléctricos e de fontanería, quedando en moi boas condicións. Ademais aproveitáronse estantarías da vella biblioteca para colocar comodamente todo o material. Casares agradeceu a “mágnifica actuación da brigada de obras na realización das tarefas de acondicionamento e tamén no traslado do material”. Así mesmo estendeu os agradecementos ás empregadas municipais encargadas da atención e xestión do desván “polo gran empeño e excelente traballo que realizan, así como a todo o grupo de voluntarios e voluntarias -entre os que se atopan membros Aspadeza- sen os que sería imposible prestar este servizo social tan importante”.

A mudanza non afectou de ningún modo ao funcionamento normal do almacén social, que continúa tendo como día de funcionamento os xoves, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 18.00 horas. Durante estas xornadas as persoas interesadas poderán seguir facendo as súas achegas solidarias no novo local, sendo necesarias, nestas datas, ademais de xoguetes para a campaña Ningún neno e nena sen xoguete, roupa de abrigo e mantas, así como calquera outro tipo de útil doméstico.

Sen ir máis lonxe, o desván atendeu onte, sen necesidade de atrasar as entregas programadas, a entre 6 e 8 unidades familiares con necesidades que cubrir, tal e como se estivo facendo ata o momento.

Roteiros de Lalín