O DESVÁN MUNICIPAL DEMANDA DOACIÓNS PARA A TEMPADA DE VERÁN E PARA ATENDER OUTRAS NECESIDADES QUE NON SE ESTÁN CUBRINDO AO 100%

O DESVÁN MUNICIPAL DEMANDA DOACIÓNS PARA  A TEMPADA DE VERÁN E PARA ATENDER OUTRAS NECESIDADES QUE NON  SE ESTÁN CUBRINDO AO 100%
Xoves 5 de Abril de 2018 - As persoas que desexen realizar achegas poden acudir os xoves do mes de abril, en horario matinal de 10.00 a 13.00 horas e vespertino de 16.00 a 18.00 horas, para entregalas no desván. Precísanse, especialmente, carriños e roupa de bebé, roupa de nenos, nenas e home, así como roupa de cama en xeral.

O concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, así como o voluntariado encargado do Desván Municipal e os traballadores e traballadoras do Departamento Municipal de Servizos Sociais, solicitaron hoxe colaboración por parte da cidadanía para poder afrontar unha serie de necesidades que nestes momentos non se están a cubrir ao 100%.

Por unha banda, durante o mes de maio comezarase a facer entrega de roupa de verán, polo que se agradece que todas as persoas que desexen realizar as súas doacións aproveiten os xoves do mes de abril, en horario matinal de 10.00 a 13.00 horas e vespertino de 16.00 a 18.00 horas, para achegalas ao desván. De non poder realizar as doacións nos horarios establecidos, as persoas interesadas pódense poñer en contacto cos servizos sociais do Concello de Lalín para concretar o día e a hora na que realizar a entrega. Poden contactar ou ben a través do teléfono 986 78 00 14, ou no correo electrónico eva.prieto@lalin.gal.

Por outra banda, o persoal do desván informa de que a día de hoxe se precisan, especialmente, os seguintes materiais e útiles: carriños para bebés, roupa de bebé (0-12 meses), roupa de nenos e nenas (2 a 16 anos), roupa de home, toallas, sabas de 1,35m e roupa de cama en xeral. Por último, dende o desván municipal incídese en que todo o material doado vai destinado a cubrir as necesidades de familias do concello de Lalín, a diferenza dos colectores que hai colocados en diversos puntos do pobo.

O desván municipal está situado na rúa Memorias dun neno labrego, nun baixo das antigas casas dos mestres do colexio Xesús Golmar.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín