O CONSELLO DE BENESTAR SOCIAL IMPULSARÁ NOVAS MEDIDAS QUE MELLOREN A ATENCIÓN SOCIAL EN LALÍN

O CONSELLO DE BENESTAR SOCIAL IMPULSARÁ NOVAS MEDIDAS QUE MELLOREN A ATENCIÓN SOCIAL EN LALÍN
Mércores 5 de Abril de 2017 - Valoráronse -entre outras actuacións- a posta en marcha dunhas xornadas da discapacidade ou a activación dun programa de axuda ás familias con novos casos de alzheimer. González Casares destacou o “enorme aproveitamento” que tivo a reunión mantida o pasado luns, “na que se trataron temas de moito interese sobre a atención social en Lalín”.

Este luns tivo lugar no concello de Lalín a segunda xuntanza do Consello Municipal de Benestar Social. A reunión, tal e como sinalou o concelleiro responsable da área, Nicolás González Casares, gozou dunha enorme participación e “foi moi positiva e interesante, tocándose temas moi varipintos” e facendo fincapé en que “servirá para a posta en marcha de novas propostas e accións coas que se mellorará a atención social en Lalín, que é, por outra parte, o obxecto principal deste organismo impulsado polo Goberno local”.

A reunión contou coa presenza de Casares así como de Alejandro Ferradás (Working Wheels), Ana García (psicóloga), Pablo Carrón (Aranes), Ángeles Baldonedo (Aspadeza), Mª José Batán (Residencia As Dores), Julia Enríquez (Morea), Paz Pérez (concelleira do PP), José Luís Factor (O Mencer), Manuel Batán (Cruz Vermella) e Carlos Presas (traballador social do Concello). Do mesmo xeito presentáronse os novos membros do Consello, Carme Santos (traballadora social), Maia García (Udiaf Deza) e Alberto Rodríguez (Geriatros).

Na xuntanza fíxose entrega dun informe moi detallado sobre a actividade e a labor do departamento de Servizos Sociais do Concello de Lalín e púxose de relevo o seu considerable aumento. Así mesmo, tratáronse as diferentes actuacións levadas a cabo polo Goberno de Lalín a través de Obras e Urbanismo para mellorar a accesibilidade urbana, un factor determinante para algunhas asociacións de discapacitados e, por enriba de todo, para as persoas con diversidade funcional. Por outra banda puxéronse sobre a mesa varias propostas para visibilizar e sensibilizar sobre a discapacidade que se van levar a cabo ao longo do ano. Entre elas destaca a posibilidade de realizar unha xornada monográfica sobre esta cuestión a final de 2016. Doutra banda, os colectivos e demais persoas presentes valoraron moi positivamente o novo sistema de subvencións do Concello de Lalín para entidades sen ánimo de lucro ás que se destinan 15.000 euros e que xa permitiron a posta en marcha de diversos proxectos sociais; unhas axudas que este ano teñen continuidade. Por parte das residencias da 3ª idade fíxose fincapé na necesidade de aportar axuda ás familias que comezan a atender novos casos de alzheimer, propoñendo a posta en marcha dunhas xornadas de apoio e asesoramento aos familiares en colaboración co Concello de Lalín.

En palabras de Nicolás González Casares a reunión “foi moi positiva en todos os aspectos e moi densa en contidos”, motivo polo que se prolongou en máis de dúas horas. Non obstante fixo fincapé en que “o máis importante reside en que na xuntanza se sentaron as bases para promover diferentes accións a través das que mellorar a atención social en Lalín, o cal é o obxecto principal do Consello”. O próximo encontro do organismo fixouse para dentro de seis meses coa finalidade de dar continuidade ao traballo iniciado. 

Roteiros de Lalín