O CONCURSO 'ALDEA SINGULAR' CONCEDERÁ 15 MIL EUROS PARA OBRAS DE MELLORA NO NÚCLEO RURAL PREMIADO

O CONCURSO 'ALDEA SINGULAR' CONCEDERÁ 15 MIL EUROS PARA OBRAS DE MELLORA NO NÚCLEO RURAL PREMIADO
Venres 18 de Septembro de 2015 - O premio quere recoñecer a aquela aldea ou parroquia que destaque pola súa defensa e conservación patrimonial ou ambiental, e polo seu impulso económico ou social. O prazo para presentar candidaturas a esta iniciativa, que substitúe á Encomenda do Cocido, rematará o 30 de novembro. O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, afirma que con este premio o Concello “segue a apostar de maneira firme e decidida pola rehabilitación do rural”.

O Concello de Lalín xa ten listas as bases que rexerán o concurso do premio 'Aldea Singular 2015''. A través desta convocatoria quérese recoñecer a aquela aldea ou parroquia do Concello de Lalín que destaque de modo notable na defensa e conservación da súa contorna natural e ambiental, do seu patrimonio histórico, cultural ou artístico, en iniciativas de impulso económico e social ou na realización de obras, sempre que estes factores redunden en beneficio común. Poderán presentar candidatura as asociacións culturais, de veciños ou de calquera índole que estean constituídas nas distintas parroquias do Concello de Lalín así como un grupo de veciños, nun mínimo de tres.

O premio ten unha dotación de 15.000 euros que serán investidos en obras e outras actuacións que redunden no beneficio colectivo da parroquia. Na presentación das candidaturas haberá que explicar as actuacións que se pretenden realizar na parroquia, cunha valoración aproximada dos custos, así como planos e demais documentación necesaria para a mellor descrición e valoración da iniciativa.

As actuacións que se propoñan deberán estar relacionadas coa conservación da súa contorna natural, ambiental, do seu patrimonio histórico, cultural ou artístico, en iniciativas de impulso económico e social, na promoción turística ou na realización de obras sempre que todo elo redunde en beneficio común. Ademais do premio para o investimento, entregarase aos representantes da aldea un trofeo conmemorativo e sinalarse nesa aldea (no lugar que así o indiquen os veciños) un cartel,panel ou sinalización que lembre a entrega do galardón.

O xurado do premio estará composto polo alcalde de Lalín, o concelleiro de Urbanismo, a concelleira de Cultura, o concelleiro de Medio Rural, un técnico municipal de urbanismo, dous profesionais independentes da arquitectura e o paisaxismo, un artista de relevancia cultural e un experto medioambiental.

Para a valoración das diferentes candidaturas teranse en conta os seguintes apartados: a conservación urbanística e arquitectónica da aldea, a súa integración coa paisaxe e o coidado dos valores naturais da aldea, a actividade social e cultural da aldea e o proxecto de actuacións presentado e a súa relación cos valores do premio “Aldea singular”.

O premio outorgarase a unha soa candidatura que será a que obteña maior puntuación por parte do xurado. En caso de empate, decidirá o voto de calidade do presidente. O prazo de presentación de candidaturas rematará o 30 de novembro e o fallo do xurado farase público o día 15 de xaneiro, día de San Amaro, no que tradicionalmente comeza o Mes do Cocido. A distinción do premio entregarase nos actos oficiais do día da Feira do Cocido.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, afirma que con este premio o Concello “segue a apostar de maneira firme e decidida pola rehabilitación do rural” e lembra que a creación e posta en marcha deste premio é un dos acordos recollidos no pacto de goberno do Concello de Lalín. As medidas dese pacto en materia de medio rural inclúen “a promoción dos núcleos rurais que se distingan polo coidado do seu espazo mediante a un premio anual”. Xa que logo, coa creación deste galardón, integrado nas actividades da Feira do Cocido, o Goberno dá un novo paso do cumprimento do seu programa de traballo para os vindeiros catro anos ao tempo que potencia esta celebración gastronómica.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín