O CONCELLO VAI MELLORAR A ILUMINACIÓN DO ESTADIO MANUEL ANXO CORTIZO COA INSTALACIÓN DE LUMINARIAS LED

O CONCELLO VAI MELLORAR A ILUMINACIÓN DO ESTADIO MANUEL  ANXO CORTIZO COA INSTALACIÓN DE LUMINARIAS LED
Martes 10 de Xaneiro de 2017 - O proxecto ten un custe aproximado de 28.800 euros e posibilitará o cambio de 20 focos. Segundo explicaron os concelleiros Miguel Medela e Nicolás González Casares, as novas luminarias permitirán aforrar un 93% no consumo eléctrico con respecto ás actuais.

Os concelleiros de Deporte, Miguel Medela e Nicolás González Casares, anunciaron hoxe que o Concello de Lalín xa ten sobre a mesa o proxecto para mellorar a iluminación no Estadio Manuel Anxo Cortizo. En concreto, tal e como explicaron os ediles, o Goberno vai acometer a substitución dun total de 20 luminarias convencionais pertencentes aos sistemas de iluminación do terreo de céspede artificial por outras de tipo LED, que mellorarán a luminosidade e permitirán implementar un gran aforro enerxético. Actualmente algúns dos focos deste campo están fundidos e, aínda que isto non afecta ao desenvolvemento de actividades deportivas, a visibilidade non é óptima durante a noite nalgunhas partes do rectángulo de xogo, sobre todo, na zona das esquinas.

Miguel Medela e Casares sinalaron que “o proxecto ten un custe aproximado de 28.800 euros que, aínda que é elevado, compensa, xa que ademais de mellorar a luminosidade, a tecnoloxía LED permitiranos aforrar moitos cartos en consumo eléctrico”. En concreto, segundo indica o estudo que se encargou previamente á substitución dos sistemas de iluminación, as novas luminarias suporían un aforro porcentual do 93% no consumo eléctrico con respecto ás actuais, xa que se pasaría dunha potencia de 132.000 vatios a unha 8.800.

Dende o Concello de Lalín priorízase o mantemento en perfectas condicións do Cortizo, xa que “se trata dunhas instalacións empregadas cada semana por centos de deportistas, moitos deles nenos e nenas que deben atopar as mellores condicións para a práctica deportiva, de modo que o deporte continúe sendo un referente en Lalín e unha auténtica escola de cidadanía e de saúde”. 

Roteiros de Lalín