O CONCELLO ULTIMA A DEFINICIÓN DOS INDICADORES DE RESULTADO E PRODUCTIVIDADE DO PROGRAMA LALÍN SSUMA21

Mércores 7 de Decembro de 2016 - O tenente de alcalde explica que se trata dun dos primeiros trámites clave para a execución dos fondos europeos do DUSI. Os indicadores, que permitirán medir os beneficios concretos para os cidadáns, serán remitidos ao Ministerio de Facenda antes do próximo 16 de decembro.

O Concello de Lalín está a ultimar a elaboración e definición dos indicadores de resultado e de produtividade do programa Lalín Ssuma21. Trátase, en palabras do tenente de alcalde, “dun dos primeiros trámites clave para coñecer o impacto que vai ter para o municipio e a súa veciñanza a posta en marcha e o desenvolvemento da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI)”. Grazas a este programa, o Concello recibirá cinco millóns de euros procedentes de fondos europeos FEDER para realización de diferentes iniciativas no eido social, ambiental, urbanístico e tecnolóxico. A maiores, o Concello terá que completar esta cantidade cunha achega de fondos propios que ascende a 1,25 millóns de euros.

Tras participar esta semana nunha xuntanza preparatoria no Ministerio de Facenda, Nicolás González Casares explicou hoxe que eses indicadores non só van permitir medir dunha maneira moi concreta cales son os beneficios que van obter os cidadáns do programa Lalín Ssuma21: “tamén cómpre termos moi en conta que son vinculantes e de obrigado cumprimento para poder recibir as axudas económicas ás que se refiren”. “Desta maneira”, prosegue o concelleiro de Urbanismo, “se nós, por exemplo, cuantificamos nun total de seis o número de vivendas que se van rehabilitar para fins sociais debemos cumprir ese obxectivo para poder recibir os cartos correspondentes”.

Nesta liña, Nicolás González Casares apunta que “mediante estes indicadores vanse definir, entre outros parámetros, o número total de metros cadrados que van experimentar melloras, canto se vai aforrar en consumo enerxético ou o incremento de visitantes previsto nos próximos anos”. Tamén se cuantificará a mellora da mobilidade, o incremento dos trámites telemáticos ou o número de persoas que se van beneficiar da implantación das medidas relativas á smart city.

Os indicadores de resultado e de produtividade terán que serlles remitidos ao Ministerio de Facendo antes do vindeiro 16 de decembro. O concelleiro de Urbanismo indica “que desta maneira teremos cuberto un trámite que nos permitirá empezar a traballar sobre iniciativas de actuación concretas para os vindeiros meses e sobre a súa preparación e planificación administrativa”. “Neste eido”, apunta por último, “tamén será moi importante a definición dos criterios de selección de operacións”, que tamén forman parte dos trámites previos para o despregue dun programa “que permitirá sentar as bases para acometer un cambio substancial e importantísimo no noso modelo de vila de cara aos próximos anos”. 

Roteiros de Lalín