O CONCELLO ULTIMA A CONTRATACIÓN DOS ARRANXOS NAS RÚAS XESTEIRA, VIDAL ABASCAL E ALCALDE FERREIRO

O CONCELLO ULTIMA A CONTRATACIÓN DOS ARRANXOS NAS RÚAS XESTEIRA, VIDAL ABASCAL E ALCALDE FERREIRO
Mércores 9 de Maio de 2018 - O paquete de actuacións ten un orzamento de 221.630 euros e executarase como investimento financeiramente sostible. A adxudicación realizarase no prazo aproximado dun mes, procedendo a continuación ao comezo das obras. Francisco Vilariño indicou que este ambicioso proxecto responde ao interese do Goberno municipal por mellorar as condicións das vías urbanas e seguir avanzando en materia de mobilidade e accesibilidade.

Esta mañá tivo lugar no concello a primeira mesa de contratación do proxecto que inclúe intervencións de mellora nas rúas Xesteira, Vidal Abascal (antiga rúa F) e Alcalde Ferreiro. O concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, informou de que se presentaron a este procedemento de contratación, que se leva a cabo mediante a modalidade administrativa negociada, un total de 8 ofertas. O investimento total do paquete de actuacións ascende a 221.630 euros, unha cantidade económica importante que permitirá mellorar moi notablemente as condicións das mencionadas vías urbanas en beneficio dos veciños e veciñas. Trátase dunha partida procedente do superávit do 2016 e que se executará como investimento financeiramente sostible.

Vilariño explicou que tras abrírense as plicas coas ofertas presentadas se iniciará un proceso de negociación, de modo que o proxecto acabará sendo adxudicado á entidade que presente unha proposta máis vantaxosa. Unha vez examinadas as ofertas ábrese un prazo legal de requerimento de documentación e corrección de posibles erros, polo que se calcula que a adxudicación definitiva despois dos diferentes trámites se realice no período de tempo aproximado dun mes, procedendo a continuación ao comezo das obras.

O plan inclúe a reurbanización integral da denominada rúa Xesteira, ubicada na zona de Cidade Xardín, un barrio onde se levou a cabo un plan de mellora e modernización das súas infraestruturas, pero que por diferentes cuestións non afectou a dita rúa, que quedou sen urbanizar. Porén, as malas condicións do treito e a falta de servizos subsanarase mediante a reposición do pavimento e a reconstrución da beirarrúas, uns traballos que irán paralelos á substitución das vellas tubaxes de fibrocemento da acometida de auga por outras de PVC con maior capacidade que se conectarán á rede domiciliaria de saneamento municipal. Tamén se instalarán novos colectores de saneamento para pluviais, dotarase a rúa dunha nova conexión de auga potable e mellorarase o sistema de alumeado público cunha nova liña de alimentación canalizada baixo tubo e soterrada.

Doutra banda, a actuación proxectada para a antiga rúa F, actualmente denominada Enrique Vidal Abascal, afectará a un treito de máis de 100 metros comprendido entre as avenidas Cacharela e Luís González Taboada. Esta vía presenta un estado de deterioro moi importante froito de anos sen ningunha actuación, que é importante corrixir, tal e como apuntou Francisco Vilariño. Así, o proxecto mellorará integralmente a vía urbana mediante a reposición do firme e a reconstrución das beirarrúas, que seguirán o modelo das existentes en Luís González Taboada e Cacharela, homoxeneizando o conxunto e incrementando as prestacións da zona.

Por último, o paquete de actuacións comprende a reposición do pavimento da rúa Alcalde Ferreiro, que conta actualmente cunha capa de aglomerado cuarteado e con múltiples fochancas, que dificulta e incomoda o tránsito de vehículos. O proxecto consiste na reposición do firme aglomerado, previa retirada dunha capa de 5 centímetros do pavimento existente para evitar que a rúa vaia tendo cada vez máis espesor e que poida alcanzar a altura das beirarrúas. Posteriormente subministrarase unha nova capa de rodadura con áridos con desgaste, estendida e compactada. Así mesmo, repintaranse as marcas viais con pintura acrílica. A rúa conta cunha lonxitude total de 150 metros de lonxitude, cun ancho de calzada de 8 metros. Vilariño lembrou que o Concello tamén vai arranxar as beirarrúas desta vía a través dun novo investimento con cargo a outra partida orzamentaria xa aprobada, pero pendente de licitación. Así, indica que neste caso se coordinará coas empresas adxudicatarias dos proxectos o seu comezo para que a obra (pavimentación por unha banda e reposición de beirarrúas por outra) se realice ao mesmo tempo e non en dúas fases, para que teña un menor impacto na cidadanía.

O titular de Obras indicou que este paquete de intervencións responde ao interese do Goberno municipal por mellorar as condicións das vías urbanas mediante actuacións ambiciosas para incrementar a calidade de vida dos seus residentes e da cidadanía en xeral, así como para seguir avanzando en materia de mobilidade e accesibilidade.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín