O CONCELLO TRASLADARÁ A ESTATUA DE LAXEIRO ÁS RÚAS PEONÍS DENTRO DO PROXECTO DE HUMANIZACIÓN DE PRINCIPAL E LORIGA

Luns 2 de Abril de 2018 - O Goberno inicia os trámites para a contratación externa da redacción do proxecto da nova plataforma a nivel das beirrarúas, que permitirán crear un entorno urbano máis atractivo e accesible. A iniciativa permitirá substituír o actual deseño da calzada por unha plataforma ao mesmo nivel das beirarrúas. Está previsto que as obras se poidan iniciar no segundo semestre de 2018. Destinaranse a esta iniciativa 450 mil euros, dos que o 80 por cento se financiará con cargo aos fondos europeos DUSI.

O Concello de Lalín trasladará a estatua do pintor Laxeiro ás rúas peonís dentro do proxecto de humanización de Principal e Loriga, que está previsto acometer a partir do segundo semestre de 2018. Así o anunciaron esta mañá o concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, e a concelleira de Cultura, Lara Rodríguez. Os edís apuntan que esta medida permitirá darlle unha maior visibilidade a esta escultura, que representa “ao noso artista máis universal, prestixioso, identificable e recoñecido e que na actualidade se encontra emprazada no Museo Municipal “Ramón María Aller”.

Ao mesmo tempo, este cambio propiciará que a estatua sexa un atractivo máis para dúas das principais arterias do casco urbano, o que sen lugar a dúbidas servirá para acadar unha maior afluencia de visitantes a esa zona e incrementar o seu importantísimo potencial social e comercial. Nesta liña, González Casares e Rodríguez Peña explican que a estatua de Laxeiro “sendo como é un emblema de Lalín debe ocupar un espazo máis simbólico e con maior proxección”.

O traslado da estatua de Laxeiro ao entorno das rúas Principal e Loriga forma parte das medidas de mellora estética que se van acometer na zona e que deberán estar incluídas no proxecto para a súa humanización. Así, o edil de Urbanismo anuncia que o Concello vén de iniciar xa os trámites para a contratación externa da redacción desta iniciativa, que permitirá mellorar de maneira moi considerable o deseño urbanístico e estético desta rúas e que consistirá na substitución do actual modelo de calzada por unha plataforma de accesibilidade ao mesmo nivel das beirarrúas. Nese proxecto deberán definirse a división dos diferentes espazos, os seus usos, a súa ornamentación e mobiliario e tamén o material que se vai empregar na construción da plataforma.

Casares explica que coa execución desta proposta cumpriranse os obxectivos de mellorar a mobilidade urbana nunha zona neurálxica da vila, dotar a estas dúas vías centrais dun amplo e prolongado espazo de accesibilidade, incrementar a prioridade peonil e a seguridade viaria e, sobre todo, mellorar a percepción por parte dos veciños das zonas urbanas gañadas ao automóbil creando deste xeito unha nova conciencia de mobilidade cidadá. Asemade, o Goberno tamén pretende potenciar a conservación e recuperación desta zona, para a súa posta en valor como espazo social, cultural e economicamente activo. Ademais, ampliará o seu papel como espazo de convivencia, nun punto neurálxico para o desenvolvemento da vida social e comercial de Lalín. Con estas actuacións habilitarase, ademais, un entorno urbano moito máis atractivo no centro da vila, o que permitirá atraer un maior número de visitantes a Lalín e avanzar na solución a algunhas das eivas detectadas polo Plan de Acción para o Comercio e a Hostalería.

Está previsto que os traballos se inicien no segundo semestre do ano 2018. Destinaranse a esta iniciativa máis 450 mil euros, dos cales a maior parte (en concreto o 80 por cento) financiarase con cargo aos cinco millóns de fondos europeos FEDER que obtivo o concello para o desenvolvemento da súa estratexia DUSI.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín