O CONCELLO SOLICITA UNHA SUBVENCIÓN PARA REHABILITAR E PROTEXER O PETO DE ÁNIMAS DE A VEIGA

O CONCELLO SOLICITA UNHA SUBVENCIÓN PARA REHABILITAR E PROTEXER O PETO DE ÁNIMAS DE A VEIGA
Luns 5 de Xuño de 2017 - ras comprobar as deficiencias e valorar as actuacións precisas para a súa reparación, requerirase que Patrimonio autorice a restauración e especifique os procedementos técnicos e actuacións necesarias para levala a cabo. O peto de ánimas de A Veiga é un dos principais atractivos do Roteiro da Ponte dos Cabalos, que o Concello ten o propósito de conservar como un ben de atractivo municipal.

O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, vén de anunciar que o Concello de Lalín levará a cabo un proxecto para rehabilitar e protexer o peto de ánimas da parroquia de A Veiga. Para iso solicitarase unha axuda económica á Deputación de Pontevedra a través da orde de subvencións provinciais destinadas á rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico cultural.

Nicolás González Casares, achegouse recentemente á parroquia de A Veiga acompañado dun técnico municipal, para comprobar o estado da singular peza. Tras comprobar as deficiencias e valorar as actuacións precisas para a súa reparación, elaborarase un informe municipal que será remitido o antes posible á Dirección Xeral de Patrimonio para que autorice as restauracións e especifique os procedementos técnicos e actuacións necesarias para levalas a cabo.

González Casares explicou que a idea do Concello é a de recuperar esta peza de enorme valor histórico e patrimonial, que se conserva nesta localidade do norte do municipio e tendo en conta, ademais, que se trata dun dos principais atractivos do roteiro da Ponte dos Cabalos. Esta ruta de sendeirismo recuperada por Roteiros de Lalín, foi recentemente incluída pola asociación de blogueiros de turismo de Galicia como unha das 5 mellores do País para coñecer en primavera. Porén, a intención do Concello de Lalín é que este itinerario permaneza ben sinalizado, con camiños en boas condicións e cos recursos patrimoniais ben conservados para convertelo nun dos principais atractivos do municipio. Ademais do peto de ánimas, o roteiro da Ponte dos Cabalos permite visitar a referida ponte e outros bens como o altar do sol ou a igrexa románica de Alperiz.

A finalidade dos petos de ánimas foron creados para ofrecer limosnas de todo tipo ás ánimas do purgatorio para que poidan alcanzar o ceo. Son unha mostra da influenza da igrexa sobre a mentalidade popular, e así en Galicia aparecen estratéxicamente na beira dos camiños ou en encrucilladas e tamén nas prazas das aldeas, expoñendo de xeito gráfico e duradeiro o dominio da igrexa sobre a poboación. O peto de ánimas da Veiga é o único caso que se coñece en Galicia dos chamados “petos eucarísticos” por ser o cáliz e maila hostia a única representación gráfica do retablo.

Roteiros de Lalín