O CONCELLO SOLICITA UNHA SUBVENCIÓN PARA A REDACCIÓN DUN PLAN DE MOBILIDADE

O CONCELLO SOLICITA UNHA SUBVENCIÓN PARA  A REDACCIÓN DUN PLAN DE MOBILIDADE
Luns 11 de Decembro de 2017 - O redacción deste proxecto é necesaria dentro do OT4 da estratexia LalínSsum21 para promover unha economía baixa en carbono. O Plan de Mobilidade do Concello de Lalín será un documento estratéxico que permitirá realizar un diagnóstico acertado sobre a mobilidade urbana e establecer propostas concretas para actuar.

O tenente de alcalde, Nicolás González Casares, vén de anunciar a solicitude por parte do Concello á Deputación de Pontevedra, dunha axuda económica para a redacción dun plan específico de mobilidade, acolléndose ás bases reguladoras para a concesión de subvencións para este fin da administración provincial. A axuda económica demandada é por importe de 20.000 euros e servirá para redactar o denominado Plan de Mobilidade do Concello de Lalín.

Casares explicou que o Concello de Lalín na súa política de reforzar o desenvolvemento local e urbano no marco da estratexia financiada con fondos europeos, “LalínSsuma21”, acordou, dentro do obxectivo temático 4 (OT4), promover unha economía baixa en carbono. Para alcanzar este fin débese cumprir previamente co obxectivo intermedio de promover a mobilidade urbana sostible en Lalín, fomentando unha mobilidade multimodal e accesible no municipio. Para isto, preténdese mellorar a accesibilidade a mobilidade e a continuidade urbana a través dunha aposta clara pola continuidade cos barrios periurbanos, buscando e implantando novas estratexias que fomenten a multimodalidade no transporte. Para acadar todo isto será preciso realizar a redacción dun plan de mobilidade específico para o noso Concello e é por iso que Lalín se acolle á convocatoria de subvencións para “Plans de Mobilidade Sustentables”.

O Plan de Mobilidade do Concello de Lalín será un documento estratéxico que vai permitir realizar un diagnóstico acertado sobre a mobilidade urbana, no que se establecerán propostas concretas para actuar a corto, medio e longo prazo sobres as vías de comunicación e espazos públicos de maneira que aumenten a súa calidade, dándolle prioridade ás persoas e á convivencia por enriba dos vehículos.

Roteiros de Lalín