O CONCELLO SOLICITA A PROPIETARIOS DE FINCAS EN MAL ESTADO QUE PROCEDAN Á SÚA LIMPEZA E ACONDICIONAMENTO

O CONCELLO SOLICITA A PROPIETARIOS DE FINCAS EN MAL ESTADO QUE PROCEDAN Á SÚA LIMPEZA E ACONDICIONAMENTO
Luns 28 de Maio de 2018 - O concelleiro do Rural lembra que os donos teñen a obriga legal de conservar nas mellores condicións os seus terreos. Miguel Medela fai un chamamento á responsabilidade de todos os propietarios para garantir a seguridade de persoas e de vivendas próximas ante o posible risco de incendios. O edil lembra que o Concello non pode actuar directamente en propiedades privadas, polo que é importante que se atendan os requirimentos. O Concello remitiu en 2017 un total de 116 solicitudes para a limpeza de fincas.

O Concello de Lalín está a emitir notificacións ás persoas particulares propietarias de fincas para que procedan a realizar as preceptivas tarefas de limpeza, conservación e acondicionamento dos seus terreos, ao fin de que se manteñan nas condicións idóneas para evitar incendios e impedir así que se poña en risco a seguridade das persoas ou das vivendas próximas. O concelleiro do Rural, Miguel Medela, lembrou hoxe que a normativa autonómica obriga aos donos de terreos ou soares a mantelos nas condicións precisas para evitar a propagación de lumes.

Así, fai un chamamento a toda a veciñanza da zona rural a levar a cabo de maneira periódica –e sobre todo ás portas da época na que se rexistra un maior número de incendios forestais- os necesarios traballos de limpeza e conservación. O ano pasado, entre os meses de maio e outubro, o Concello remitiu un total de 116 solicitudes para que os propietarios acomentan estes traballos. En caso de non atender estes requirimentos, poderíase iniciar un expediente sancionador por incumprimento dos preceptos legais con posibles multas coercitivas que poderían ir dos 300 aos 6.000 euros.

En calquera caso, Medela recorda que a administración local non pode actuar directamente en propiedades privadas, senón que debe actuar a través das remisión das correspondentes solicitudes que os donos teñen que respectar. Neste senso, o edil lembra que “se os que reciben notificacións non cumpren as súas obrigas, deben saber que serán os responsables directos no caso de producirse calquera tipo de dano”. Por iso, fai fincapé na necesidade de que a cidadanía tome conciencia e colabore na medida do posible para acabar coa lacra dos lumes que practicamente azouta Galicia cada ano.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín