O CONCELLO SOLICITA PRETO DE 16 MIL EUROS Á DEPUTACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO DOS CICLOS DE MÚSICA NA RÚA E CINE NO RURAL DESTE ANO

O CONCELLO SOLICITA PRETO DE 16 MIL EUROS Á DEPUTACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO DOS CICLOS DE MÚSICA NA RÚA E CINE NO RURAL DESTE ANO
Luns 12 de Marzo de 2018 - Con estas dúas iniciativas incidirase un ano máis na dinamización cultural e social do municipio durante os meses de verán. Lara Rodríguez explica que os obxectivos son “achegar, divulgar e promover a música e o cine entre toda a poboación de Lalín, con actuacións e proxeccións en espazos públicos”.

A concelleira de Cultura, Lara Rodríguez, vén de anunciar a solicitude dunha achega de preto de 16 mil euros para o desenvolvemento, este ano, dos ciclos de “Música na rúa” e de “Cine no rural”. En concreto, a primeira destas iniciativas financiarase cunha achega de 10.500 euros e a segunda cunha de 5.400 euros, ambas con cargo á Liña 2 do Plan de Concellos. Desta maneira, o Concello de Lalín daralle continuidade ao longo deste 2018 a dous proxectos que, en edicións anteriores, propiciaron “unha importante dinamización cultural e social do municipio durante os meses de verán, achegando diferentes actividades tanto á veciñanza da zona urbana como da zona rural”.

Así, tal e como explica Lara Rodríguez, a concellería de Cultura volverá desenvolver este ano o ciclo de “Música na rúa”, con actividades consistentes na realización de concertos ao aire libre durante os meses de agosto e setembro. Neste caso contarase coa Banda de Lalín, a Banda A Lira de Prado, a Banda de Muimenta, a Banda de Vilatuxe e grupos diversos para os concertos da Algarabía' 18, que actuarán en varias zonas de Lalín. Os obxectivos desta iniciativa consisten en achegar, divulgar e promover a música entre toda a poboación de Lalín, promover a participación da poboación de Lalín en actividades formativas relacionadas coa música e favorecer e divulgar as bandas e os grupos de música. Tamén se pretende rescatar a tradición da música en vivo en espazos públicos converténdoos en lugares de encontro, recreación, convivencia e expresión cultural.

Por outra banda, a concellería de Cultura tamén repetirá este ano, durante o verán, a experiencia do circuíto de “Cine no rural”, unha iniciativa que comezou no ano 2016 e que “continuamos este ano non só pola boa acollida que tivo entre os veciños e veciñas senón porque queremos abrir esta actividade a máis parroquias”. Lara Rodríguez explica que “partimos da obriga por parte das institucións de apoiar e facer chegar a cultura a todos e todas”. Neste contexto lembra que “Lalín conta cunha gran cantidade de poboación eminentemente rural e moi dispersa, motivo polo cal consideramos necesario que dende a concellería se lles facilite o acceso á cultura, e unha forma de facelo é achegándoa aos diferentes núcleos rurais”.

Ademais, a concelleira explica que “dende o Concello somos conscientes de que moita xente non pode desprazarse á vila para poder asistir ás actividades culturais que se programan ao longo do ano, polo que con iniciativas como o circuíto de “Cine no Rural” non soamente estamos dinamizando o rural senón que estamos facendo a cultura, e neste caso a sétima arte, máis accesible para todos e todas”. Neste caso, a intención é realizar dez pases, dunha ou de varias películas aínda por determinar en dez parroquias de Lalín.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín