O CONCELLO SOLICITA MÁIS DE 244 MIL EUROS Á DEPUTACIÓN PARA ACOMETER AS OBRAS DE REPARACIÓN DO AUDITORIO MUNICIPAL

Luns 12 de Marzo de 2018 - A esa achega provincial haberá que restarlle os máis de 61 mil euros que asumirá o Concello con fondos propios e dos que se poderá dispoñer unha vez conclúa a liquidación do orzamento de 2017. O alcalde asinou esta mañá o decreto polo que se solicita esa subvención con cargo á Liña 1 do Plan Concellos. A Concelleira de Cultura lembra que o Concello xa acometeu actuacións urxentes no edificio, que resultou danado durante un temporal o ano pasado.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, asinou esta mañá o decreto polo que se solicita unha achega dun total de 244.394,97 euros á Deputación de Pontevedra para financiar as diferentes actuacións de reparación e acondicionamento do Auditorio Municipal, inmoble que sufriu desperfectos durante un temporal de vento e choiva en febreiro do ano pasado. Eses máis de 244 mil euros supoñen -segundo o proxecto redactado polo arquitecto técnico municipal- o custe global das actuacións que quedan por realizar no edificio, aínda que da cantidade que se solicita ao organismo provincial haberá que restar finalmente máis de 61 mil euros que se asumirán con fondos propios do Concello. Estes cartos poderán incorporarse para o financiamento deste proxecto unha vez estea pechada a liquidación do orzamento do ano pasado e, polo tanto, se coñezan os remanentes e o superávit municipais. En calquera caso, con esta solicitude con cargo á Liña 1 do Plan Concellos -e tal e como explica o rexedor- “adiántanse os trámites administrativos para dispoñer do diñeiro necesario no menor prazo de tempo posible e poder sacar a licitación as actuacións canto antes”.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Lara Rodríguez, lembra que o Concello xa realizou con fondos propios o ano pasado reparacións previas e de carácter inaprazable, en aras de evitar maiores danos no Auditorio. Estas actuacións, que supuxeron un investimento de preto de 55 mil euros, tramitáronse por procedemento de urxencia adaptándose á lexislación, que permite a contratación sen tramitar expediente administrativo nos casos nos que “a administración teña que actuar de xeito inmediato por mor de acontecementos catastróficos ou de situacións que supoñan grave perigo [...])”.

Desta maneira, entre os traballos de maior urxencia que xa se realizaron en meses pasados, estivo a desmontaxe e reposición da cuberta formada pos chapa de aceiro, así como a reposición da carpintería exterior de aluminio, a instalación de falso teito mediante placas de escaiola, ou a reposición da instalación de climatización con panel ríxido de alta densidade de vidro.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín