O CONCELLO SOLICITA A CONTRATACIÓN DE 34 TRABALLADORES ACOLLÉNDOSE AO PLAN DE EMPREGO DA DEPUTACIÓN

O CONCELLO SOLICITA A CONTRATACIÓN DE 34 TRABALLADORES ACOLLÉNDOSE AO PLAN DE EMPREGO DA DEPUTACIÓN
Luns 5 de Outubro de 2015 - A selección dos perfís realizouse de modo consensuado entre os membros do Goberno, tras estudar as principais necesidades de cada departamento. Os contratos fixarán xornadas de 35 horas semanais por un período inicial de dous meses. 4 dos novos empregados irán dirixidos á creación dunha brigada temporal que se encargará en exclusiva de arranxar desperfectos no Paseo do Pontiñas.

O Goberno Municipal aprobou tramitar a solicitude de contratación dun total de 34 traballadores e traballadoras (número máximo de contratos dos que pode beneficiarse o concello de Lalín), acolléndose ás axudas do plan de emprego da Deputación recentemente aprobadas para o que resta de 2015.

A selección dos empregados para o denominado II Plan de Conservación e Funcionamento de Bens e Servizos Municipais 2015, foi dirixido pola concelleira de Emprego, Katia Procino e levouse a cabo de modo consensuado e acordado entre todos os membros do Goberno, despois de analizar e estudar as prioridades de actuación e as principais necesidades de cada servizo municipal e de cada departamento de xestión. Deste modo, na solicitude que se presentará o luns ante o organismo provincial, establece unha listaxe co número de persoas necesarias en función de cada perfil de traballador que se precise. Os contratos fixarán xornadas de 35 horas semanais por un período inicial de dous meses, neste caso novembro e decembro, con posibilidade de prórroga en caso de que os orzamentos da Deputación para o ano 2016 así o permitan.

A contratación destes novos operarios, baixo o amparo do programa provincial, servirá para atallar as necesidades máis urxentes naqueles servizos municipais que presentan na actualidade unha maior carga de traballo. Así mesmo, permitirá reforzar durante o tempo de duración dos contratos, aqueles departamentos cun plantel de persoal máis exiguo, o que posibilitará, en boa medida, adiantar carga de traballo.

O proceso de selección dos traballadores será dirixido polos funcionarios do Servizo Municipal de Emprego e desenvolverase durante todo o mes de outubro. Aquelas persoas interesadas en recibir máis información ao respecto deberán acudir ou poñerse en contacto co departamento, cuxas oficinas se sitúan no andar baixo do Castro Tecnolóxico.

As necesidades de persoal da Brigada Municipal de Obras propiciaron que 18 dos 34 novos contratados vaian formar parte desta sección. De eles, 4 irán dirixidos á creación dunha brigada temporal que se encargará en exclusiva de arranxar desperfectos no paseo do Pontiñas. Os anos de nulo mantemento sufridos no sendeiro fluvial provocaron que na actualidade o parque se atope nun estado deplorable que precisará de moito investimento e tempo para poder solventarse. Non obstante, o Goberno viu na oportunidade que brindan as contratacións do plan de emprego da Deputación, unha posibilidade de mellorar a situación do paseo e deixalo no mellor estado posible.

Dentro das 18 persoas que se contratarán para o departamento de obras, 7 serán peóns albaneis, 2 peóns pintores, 2 peóns xardineiros, 2 peóns de obras públicas, 2 condutores de maquinaria, 1 peón soldador, 1 fontaneiro e outro carpinteiro. Por outro lado, seleccionaranse 5 persoas para funcións de auxiliar administrativo en diferentes departamentos. Tamén se contratará 1 monitor deportivo, 3 técnicos en información turística, 1 técnico auxiliar de informática, 1 auxiliar de biblioteca, 1 condutor de furgoneta, 1 conserxe e 3 empregados en labores de limpeza en xeral.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín