O CONCELLO SOLICITA Á AGADIC QUE MELLORE E AMPLÍE O CONVENIO DA REDE GALEGA DE TEATROS, E QUE INCLÚA A LALÍN EN CINEMAS DE GALICIA

O CONCELLO SOLICITA Á AGADIC QUE MELLORE E AMPLÍE O CONVENIO DA REDE GALEGA DE TEATROS, E QUE INCLÚA A LALÍN EN CINEMAS DE GALICIA
Luns 21 de Maio de 2018 - O alcalde e a concelleira de Cultura mantiveron esta mañá unha reunión en Santiago co director da Axencia galega de Industrias Culturais. Rafael Cuíña e Lara Rodríguez agradeceron a boa disposición de Jacobo Sutil a atender as demandas do Concello.

O alcalde de Lalín e a concelleira de Cultura mativeron esta mañá unha reunión de traballo na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, co director da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC). Este encontro serviu para presentar as diferentes necesidades de mellora e incremento da cooperación entre ambas administracións para potenciar a difusión cultural e escénica no municipio. En concreto, Rafael Cuíña e Lara Rodríguez solicitaronlle a Jacobo Sutil que a AGADIC analice a posibilidade de mellorar o convenio de colaboración que ten co Concello mediante o que forma parte da programación estable da Rede Galega de Teatros. Nesta xuntanza tamén se estudou a posibilidade de que Lalín pase a formar parte de Cinemas de Galicia, unha rede de salas públicas para a exhibición cinematográfica impulsada pola Agadic coa finalidade de incrementar tanto o número de pantallas da Comunidade, como as opcións de distribución dos filmes galegos máis recentes.

Con respecto ao primeiro asunto, o alcalde e a concelleira trasladáronlle ao director da AGADIC que un incremento na achega económica permitiría ampliar a programación estable que desenvolve o Concello ao longo de todo o ano e que ten unha ampla demanda e aceptación por parte do público lalinense. Desta maneira, o Concello podería seguir avanzando no fomento e a difusión das artes escénicas, cunha programación máis ampla, estable e de calidade.

Pola súa banda, a inclusión de Lalín na rede Cinemas de Galicia permitiría encher un oco diversificar e ampliar a oferta cultural que se ofrece todos os meses, con diferentes propostas cinematográficas. Trataríase, en definitiva, de facilitarlle ao público lalinense -como acontece noutros municipios galegos- a oportunidade de gozar en pantalla grande dunha escolma de filmes que, malia a súa contrastada calidade, non son doados de atopar nos circuítos comerciais.

Tanto o alcalde de Lalín como a concelleira de Cultura agradeceron a acollida, así como a disposición e o compromiso do director da AGADIC a traballar na materialización destas propostas, para o que será necesario darlles o oportuno encaixe administrativo.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín