O CONCELLO SOLICÍTALLE Á XUNTA UNHA SUBVENCIÓN DE MÁIS DE 100 MIL EUROS PARA A EXECUCIÓN DE DIVERSAS MELLORAS NO POLÍGONO LALÍN 2000

O CONCELLO SOLICÍTALLE Á XUNTA UNHA SUBVENCIÓN DE MÁIS DE 100 MIL EUROS PARA A EXECUCIÓN DE DIVERSAS MELLORAS NO POLÍGONO LALÍN 2000
Luns 20 de Marzo de 2017 - Serían investidos na reordenación de glorietas, así como na reparación de beirarrúas e na mellora da sinalización. Francisco Vilariño fixo fincapé na necesidade de acometer obras no recinto empresarial “a través dun proxecto que redundaría en grandes beneficios para o tecido empresarial e polo tanto para o conxunto da economía local”.

O concelleiro de Obras do Concello de Lalín anunciou que a Xunta de Goberno Local vén de aprobar a solicitude á Xunta de Galicia dunha subvención por importe de 109.253 euros para a execución de numerosas actuacións de mellora no polígono Lalín 2000. O Concello acóllese deste xeito á orde de subvencións do goberno galego para a “habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais”, unha demanda da que se terá que dar conta ao Pleno e que no pasado exercicio xa foi solicitada, aínda que a Xunta a rexeitou.

Como explicou Francisco Vilariño, que hoxe visitou o polígono para supervisar as tarefas a realizar xunto co alcalde de Lalín e o presidente da AED, Antonio Lamas, “as actuacións que reclamamos para o parque empresarial foron pactadas co empresariado atendendo ás súas principais demandas”. Así, de concederse a subvención, o Concello investiría os fondos na reordenación de varias isletas situadas no parque, xa que o seu actual deseño dificulta o paso de camións de gran tonelaxe, que son incapaces de circular sen invadilas. As glorietas serían substituídas por outros elementos que permitirían o paso de camións con comodidade e sen necesidade de realizar complexas maniobras. Por outro lado acordouse a execución de traballos de reparación nas beirarrúas que se atopan en mal estado, así como mellorar a sinalización dentro do polígono.

O responsable de Obras do Concello fixo fincapé na necesidade de acometer obras no recinto empresarial “a través dun proxecto que redundaría en grandes beneficios para o tecido empresarial e polo tanto para o conxunto da economía local”. Vilariño insistiu no “compromiso por parte do Concello de manter en perfectas condicións o parque empresarial máis importante de Lalín onde traballan centos de veciños e facilitar na medida do posible a actividade económica empresarial no noso municipio”.

Roteiros de Lalín