O CONCELLO SINALIZARÁ E DOTARÁ DE PANEIS INFORMATIVOS A RUTA DA PONTE DOS CABALOS DESEÑADA POR ROTEIROS DE LALÍN

O CONCELLO SINALIZARÁ E DOTARÁ DE PANEIS INFORMATIVOS A RUTA DA PONTE DOS CABALOS DESEÑADA POR ROTEIROS DE LALÍN
Xoves 22 de Marzo de 2018 - Esta andaina conta cunha enorme riqueza paisaxística e natural, ademais de visitar variados elementos de enorme valor patrimonial e histórico. González Casares puxo en valor o traballo de Roteiros de Lalín, afirmando que “está sendo decisivo para a recuperación de camiños tradicionais e para dar a coñecer e poñer en valor o noso Patrimonio e natureza.

O tenente de alcalde, Nicolás González Casares, anunciou hoxe que o Concello de Lalín instalará elementos de sinalización e algún panel informativo na ruta da Ponte dos Cabalos deseñada a través da iniciativa Roteiros de Lalín. O obxectivo deste proxecto financiado a través dunha axuda do Plan de Concellos é o de consolidar este itinerario como unha ruta de referencia dentro das múltiples alternativas de sendeirismo coas que conta o concello de Lalín, ofrecéndolle ao camiñante unha sinalización adecuada e toda a información sobre os principais puntos de interese.

Esta andaina conta cunha enorme riqueza paisaxística e natural, ademais de visitar variados elementos de enorme valor patrimonial e histórico. Entre os seus atractivos máis significativos e recollidos nos paneis informativos destaca: o curso alto do río Pontiñas (paseo do Pontiñas), o sepulcro antropomorfo coñecido popularmente como tumba celta, o Campo do Malato, onde se atoparon diversas lousas con arte megalítico, o peto de ánimas de A Veiga, a Igrexa Románica de Alperiz, o conxunto arqueolóxico de Alperiz integrado, entre outras, polas Mámoas da Cruz, onde se sitúa o coñecido como Altar do Sol, a igrexa de Parada, e a Ponte dos Cabalos que atravesa o río Arnego.

González Casares puxo en valor o traballo de Roteiros de Lalín, afirmando que “está sendo decisivo para a recuperación de camiños tradicionais e para dar a coñecer e poñer en valor o noso Patrimonio e tamén como un elemento dinamizador do noso Concello”. Segundo o concelleiro, este colectivo de voluntarios promovido polo Concello de Lalín “non só está a exercer coa posta en marcha das rutas unha labor con efectos lúdicos ou de lecer, senón que está fomentando en enorme medida o coñecemento e conservación dos nosos bens e está favorecendo ao noso medio rural”. 


Portal Transparencia

Roteiros de Lalín