O CONCELLO SEGUIRÁ INCREMENTANDO AS CIFRAS RÉCORD DE AXUDAS A ENTIDADES SOCIAIS DE LALÍN CON 16 MIL EUROS MÁIS

O CONCELLO SEGUIRÁ INCREMENTANDO AS CIFRAS RÉCORD DE AXUDAS A ENTIDADES SOCIAIS DE LALÍN CON 16 MIL EUROS MÁIS
Mércores 27 de Xuño de 2018 - Nicolás González Casares anuncia que este mes se levará a Pleno unha modificación de crédito por esa cantidade Un total de 7.800 euros sumaranse aos 15 mil xa habilitados este ano para entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan programas e actividades destinados a persoas e colectivos que se atopen en situación de desvantaxe. Os 8.200 euros restantes destinaranse a concretar a colaboración con APALC para a adquisición dun vehículo adaptado. En 3 anos, entre estas e outras prestacións, o Goberno vai dedicar xa máis de 100 mil euros a axudas a entidades sociais. González Casares explica que estes datos e as medidas postas en marcha a favor da integración “reafirman a aposta e o compromiso deste Goberno cos servizos sociais”.

O Goberno municipal de Lalín levará ás vindeiras comisións informativas, e posteriormente ao Pleno ordinario de fin de mes, unha modificación de crédito por valor de 16 mil euros para incrementar as axudas e a colaboración coas entidades sociais do municipio. O concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, explica que unha parte desa cantidade –en concreto 7.800 euros- servirán para incrementar en máis dun 50 por cento a dotación destinada á concesión de subvencións, por concorrencia competitiva, a asociacións ou entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de actuacións no eido dos servizos sociais durante este ano. Desta maneira, o Concello poñerá a disposición destas entidades un total de 22.800 euros fronte os 15 mil habilitados inicialmente nos orzamentos.

Nicolás González Casares indica que con este incremento non só se dá resposta á elevada demanda que teñen este tipo de axudas senón que o Concello segue avanzando no apoio para o desenvolvemento de programas e actividades que beneficien a colectivos de persoas do termo municipal de Lalín que se atopen en situación de desvantaxe. “Ao mesmo tempo”, prosegue o tenente de alcalde, “tamén se avanza no recoñecemento á importante labor social que levan a cabo estas asociacións”.

Un recoñecemento e apoio que tamén se vai concretar na concesión dunha subvención nominativa á Asociación para a Proteción de Anciáns de Lalín e a súa Comarca (APALC). Serán, en concreto, 8.200 euros que se destinarán a adquisición por parte desa entidade dun vehículo adaptado para o transporte de usuarios e usuarias da residencia Nosa Señora das Dores. Coa compra deste vehículo, este centro, que se dedica á atención ás persoas maiores, contará cun medio de transporte adecuado para o transporte das persoas de idade avanzada e con dificultades para desprazarse de forma autónoma. Trátase dun recurso moi necesario no centro residencial, pero que alcanza uns altos custes, polo que agora, grazas á colaboración do Concello de Lalín, se poderá cubrir esta necesidade.

Con estes novos 16 mil euros Casares, o Concello leva destinados máis de 100 mil euros a axudas directas a entidades do eido dos servizos sociais nos últimos 3 anos. “Esta cifra ” -sinala Casares- “constata a clara aposta do Goberno municipal cos colectivos máis desfavorecidos e coas entidades que traballan a prol da súa integración nun modelo de reparto de axudas máis xusto e acaído ás súas necesidades”. En palabras do concelleiro “unha nova demostración do firme compromiso co Benestar Social, un dos piares primordiais da actuación municipal en Lalín para este mandato”.

Casares explicou que a activación destas achegas municipais xa permitiu levar a cabo nos últimos anos importantes programas a favor da integración de persoas con diversidade funcional, mellorar a atención sociosanitaria, activar programas de educación comunitaria e, en definitiva, mellorar a solidariedade do concello de Lalín con aqueles que máis o precisan. Ademais, estas subvencións tamén permiten a contratación de profesionais do ámbito do traballo social por parte das asociacións, de xeito que “non só estamos axudando a entidades sen ánimo de lucro de cara a fins sociais, senón que tamén estamos favorecendo o emprego colaborando no pago de salarios”.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín