O CONCELLO RECUPERARÁ EN ABRIL AS AXUDAS AO TRANSPORTE DE ESTUDANTES TRAS A URXENTE ELABORACIÓN DE NOVOS CONVENIOS

O CONCELLO RECUPERARÁ EN ABRIL AS AXUDAS AO TRANSPORTE DE ESTUDANTES TRAS A URXENTE ELABORACIÓN DE NOVOS CONVENIOS
Xoves 22 de Marzo de 2018 - Casares explicou que “o inxente traballo realizado dende Benestar Social permitiu chegar con rapidez a un novo acordo coas empresas e, porén, reactivar en breve prazo estas axudas”. Os convenios teñen vixencia ata maio de 2019, de tal xeito que as bonificacións están garantidas para este curso e par ao que vén.

O concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, informou hoxe de que o Concello de Lalín, a través da concellería de Benestar Social e tras manter diferentes negociacións coas empresas, vén de finalizar a redacción dos novos convenios para o desenvolvemento do programa de transporte de estudantes, o que previsiblemente permitirá recuperar estas bonificacións a comezos do mes de abril, unha vez que sexan asinados entre as partes. O Concello veuse na obriga de elaborar coa máxima urxencia estes novos documentos debido aos recortes no transporte público realizados pola Xunta que afectaron a varias liñas que dan servizo a Lalín e que invalidaron os acordos municipais existentes debido a que cambiaron as empresas que realizan as frecuencias.

González Casares explicou que “a elaboración dos novos convenios foi complexa e requiriu da máxima dilixencia por parte dos técnicos e da concellería”. “O traballo realizado dende Benestar Social” -indica- “permitiu chegar con rapidez a un acordo coas empresas e, porén, permitirá activar en breve prazo unhas axudas moi importantes para os mozos e mozas de Lalín”. Os convenios teñen vixencia ata maio de 2019, de tal xeito que as bonificacións ao transporte de estudantes están garantidas para este curso e par ao que vén.

Ao abeiro dos novos acordos que o Concello xestionou coas dúas empresas de transporte que realizan as distintas frecuencias, establecéronse bonificacións xerais por parte das propias empresas sobre o custo ordinario do prezo do billete que van do 7 ao 19%. Non obstante, en función da renda, os estudantes conservarán o dereito a novos tipos de subvención, a través dos que na modalidade diaria se poderá chegar a alcanzar unha rebaixa de ata o 75% no prezo do pase, mentres que na modalidade semanal a bonificación poderá alcanzar un 20% a maiores do xa rebaixado polas empresas. Anteriormente as empresas ofrecían un desconto xeral do 35%, pero o prezo das tarifas ordinarias baixou coa entrada das novas concesionarias de modo que -como explicou o concelleiro- “o prezo final que van pagar os estudantes polo billete vai quedar practicamente igual ou incluso será inferior nalgúns casos ao que abonaban cos anteriores convenios”.

Para finalizar, González Casares fixo fincapé en que “o Concello tivo que traballar a marchas forzadas e realizar as xestións coas empresas coa máxima celeridade ante unha situación complexa provocada pola mala praxe da Xunta nesta cuestión para que os estudantes puidesen recuperar as bonificacións canto antes, cuestión que foi a nosa absoluta prioridade neste caso”.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín