O CONCELLO RECUPERA AS AXUDAS AO TRANSPORTE DE ESTUDANTES TRAS ASINARSE OS NOVOS CONVENIO

O CONCELLO RECUPERA AS AXUDAS AO TRANSPORTE DE ESTUDANTES TRAS ASINARSE OS NOVOS CONVENIO
Luns 2 de Abril de 2018 - As persoas beneficiarias destas axudas poden pasar polo concello novamente a recoller os bonos, que funcionarán con total normalidade. González Casares puxo de relevo a dilixencia da concellería de Benestar para sacar adiante os novos acordos e recuperar unhas axudas da máxima importancia para os mozos e mozas lalinenses.

O concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, informou hoxe de que o Concello de Lalín, a través da concellería de Benestar Social xa asinou os novos convenios coas empresas concesionarias de transporte en autobús que realizan diferentes frecuencias dende Lalín. Deste xeito, recupéranse as bonificacións municipais ao transporte de estudantes e, tal e como informa o concelleiro, as persoas beneficiarias destas axudas poden pasar polo concello novamente a recoller os bonos, que funcionarán con total normalidade.

O Concello veuse na obriga de elaborar coa máxima urxencia os novos convenios debido aos recortes no transporte público que puxo en marcha a Xunta e que afectaron a varias liñas que dan servizo a Lalín e que invalidaron os acordos municipais existentes para o transporte de estudantes, debido a que cambiaron as empresas que realizan as frecuencias.

González Casares explicou que “a elaboración dos novos convenios foi complexa e requiriu da máxima dilixencia por parte dos técnicos e da concellería”. “O traballo realizado dende Benestar Social” -indica- “permitiu chegar con rapidez a un acordo coas empresas e, porén, permitiu activar en breve prazo unhas axudas moi importantes para os mozos e mozas de Lalín”. Os convenios teñen vixencia ata maio de 2019, de tal xeito que as bonificacións ao transporte de estudantes están garantidas para este curso e par ao que vén.

Ao abeiro dos novos acordos que o Concello xestionou coas dúas empresas de transporte que realizan as distintas frecuencias, establecéronse bonificacións xerais por parte das propias empresas sobre o custo ordinario do prezo do billete que van do 7 ao 19%. Non obstante, en función da renda, os estudantes conservarán o dereito a novos tipos de subvención, a través dos que na modalidade diaria se poderá chegar a alcanzar unha rebaixa de ata o 75% no prezo do pase, mentres que na modalidade semanal a bonificación poderá alcanzar un 20% a maiores do xa rebaixado polas empresas. Anteriormente as empresas ofrecían un desconto xeral do 35%, pero o prezo das tarifas ordinarias baixou coa entrada das novas concesionarias de modo que -como explicou o concelleiro- “o prezo final que van pagar os estudantes polo billete vai quedar practicamente igual ou incluso será inferior nalgúns casos ao que abonaban cos anteriores convenios”.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín