O CONCELLO RECIBIU MÁIS DE 50 SOLICITUDES DE POSTOS PARA A CARPA MAHOU

O CONCELLO RECIBIU MÁIS DE 50 SOLICITUDES DE POSTOS PARA A CARPA MAHOU
Martes 30 de Xaneiro de 2018 - A pesar de ampliarse notablemente o seu tamaño para esta edición, a carpa rexistrará un 100% de ocupación, xa que incluso se rexistrou máis demanda que oferta. O interese mostrado polos produtores para participar neste evento dá mostra da magnífica saúde da que goza a Feira do Cocido no seu medio século de vida.

Esta mañá tivo lugar no Concello a apertura das plicas coas ofertas para optar a un posto na carpa da Feira do Cocido, patrocinada pola Mahou. Tal e como informou o Goberno, recibíronse un total de 52 solicitudes por parte de firmas alimentarias e doutras de artesanía e produtos singulares manufacturados. Deste xeito, a pesar de que para a 50 edición da Feira se levou a cabo unha importante ampliación da carpa (pasouse de 39 a 47 postos de capacidade), a demanda superou a oferta, polo que se rexistrará unha ocupación do 100%, na que se representarán todos os sectores produtivos e ademais haberá unha importante presencia de artesanía.

Coa finalidade de facer totalmente xusto e transparente o proceso de adxudicación, os stands foron asignados a través dunha poxa aberta. Así, estableceuse unha cota mínima por cada posto na carpa de 63,50 euros, prezo que se puido mellorar á alza nas solicitudes presentadas.

O Goberno sostén que o altísimo número de solicitudes recibidas “dá mostra da magnífica saúde da que goza a Feira do Cocido e que nesta 50 edición, que se celebra o próximo domingo, desperta un enorme interese entre produtores de todo tipo que non queren deixar pasar a oportunidade de expoñer os seus produtos nun evento gastronómico de tanta sona e relevancia”.

A Carpa Mahou foi unha das apostas do Goberno de Lalín para a Feira do Cocido e gozou de gran éxito dende o primeiro ano da súa instalación (2016). Púxose en marcha co obxectivo de renovar a mostra gastronómica e, ao tempo, aportarlle ao festexo un toque de maior calidade e modernidade. A carpa tipo iglú patrocinada por Mahou é totalmente transparente e este ano foi ampliada para dar cabida a un maior número de postos pasando a medir 85 metros lineais de longo, fronte aos 70 dos dous anos anteriores, cunha anchura de 20 metros.

Roteiros de Lalín