O CONCELLO REALIZARÁ OBRAS DE MANTEMENTO E MELLORA NAS CASETAS DE POZO DO BOI PARA SEGUIR OFRECENDO OS MELLORES SERVIZOS NESTA ÁREA DE LECER

O CONCELLO REALIZARÁ OBRAS DE MANTEMENTO E MELLORA NAS CASETAS DE POZO DO BOI PARA SEGUIR OFRECENDO OS MELLORES SERVIZOS NESTA ÁREA DE LECER
Martes 18 de Abril de 2017 - Unha será dotada de auga e electricidade e outras dúas pavimentaranse exterior e interiormente. O proxecto ten un orzamento de 7.500 euros e axilizarase para que poida estar rematado antes da celebración en xuño do Vilatuxe Trail.

O Concello de Lalín vai executar actuacións de mantemento e mellora en 3 casetas da praia fluvial de Pozo do Boi, para incrementar as prestacións desta área deportiva e de lecer, ofrecendo, deste xeito, os mellores servizos nun entorno privilexiado e moi frecuentado. Así o anunciaron esta mañá o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, e o edil de Rural, Miguel Medela, que explicaron que as citadas actuacións se engloban dentro do Plan Candán posto en marcha polo Goberno municipal para promocionar e pór en valor esta serra mediante diferentes proxectos.

Deste xeito, o Concello vai investir no arranxo e adecuación das casetas un total de 7.496 euros procedentes da baixa dun proxecto subvencionado polo Plan de Obras e Servizos da Deputación executado o pasado ano. As obras a realizar consisten, por unha parte, en dotar de electricidade e de subministro de auga a caseta instalada en Pozo do Boi máis recentemente e que cumpre funcións de almacén e pavimentar interior e exteriormente, por outra, as dúas garitas metálicas que funcionan como vestiarios e aseos a través da colocación de plaqueta no chan e de travesas de madeira nas paredes. Trátase, polo tanto, de actuacións encamiñadas a mellorar as instalacións existentes coa finalidade de que os usuarios e usuarias poidan obter o seu óptimo aproveitamento e, ao mesmo tempo, acadar un mantemento adecuado deste espazo singular.

González Casares e Miguel Medela destacaron os esforzos do Concello de Lalín por manter nas mellores condicións Pozo do Boi, como reflicten as actuacións tendentes á súa conservación e ao reforzo de actividades que xa se desenvolveron, tales como melloras na accesibilidade á zona de baño, a remodelación das casetas ou a creación de pistas deportivas. Porén, indicaron que os traballos que agora se van acometer responden a demandas de usuarios da área e vanse levar a cabo coa maior urxencia, co obxectivo de que poidan estar finalizados antes do Trail de Vilatuxe que terá lugar o 4 de xullo con esta área recreativa como espazo de referencia.

Roteiros de Lalín