O CONCELLO PROXECTA UNHA VIA PEONIL NA ROLDA LESTE E A CREACIÓN DE NOVAS BEIRARRÚAS PARA AVANZAR EN MATERIA DE ACCESIBILIDADE E SEGURIDADE VIARIA

O CONCELLO PROXECTA UNHA VIA PEONIL NA ROLDA LESTE E A CREACIÓN DE NOVAS BEIRARRÚAS PARA AVANZAR EN MATERIA DE ACCESIBILIDADE E SEGURIDADE VIARIA
Luns 22 de Maio de 2017 - Humanizarase a marxe esquerda do treito comprendido entre a rotonda de Rodeiro e a glorieta da N-640, mellorando, deste xeito, unha zona escolar e de lecer moi transitada. O proxecto contempla a datación de beirarrúas en varios sectores urbanos da zona do Alto de Vales que carecen delas. As actuacións van ser executadas durante o verán a través da brigada de obras. Francisco Vilariño indicou que as obras “van beneficiar a toda a poboación, posto que se mellora a mobilidade viaria e se favorece o tránsito peonil seguro en zonas de especial importancia”.

O Concello de Lalín vai construír unha senda peonil no treito da Rolda Leste que vai dende a coñecida como rotonda do Eroski ata a rotonda de Rodeiro e vai dar continuidade ás beirarrúas próximas á glorieta da avenida de Ourense. Así o vén de anunciar o concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, que cualificou este proxecto como “ambicioso e moi necesario para Lalín”. Así mesmo, explicou que o obxecto principal desta actuación é o de seguir avanzando en materia de accesibilidade e seguridade viaria, eliminando barreiras arquitectónicas e permitindo os desprazamentos a pé seguros nestes espazos urbanos de enorme importancia dentro da cabeceira municipal.

Coa finalidade de acadar a continuidade urbana e peonil e fomentar a accesibilidade e a seguridade viaria, é preciso acometer actuacións diferenciadas conforme ao tipo de obra a executar. Así, a primeira fase do proxecto levarase a cabo na marxe esquerda, dende a rotonda da avenida Monte Faro ata a do entronque coa estrada N-640. Este tramo delimítase da estrada unicamente por un borde e presenta un pavimento de terra en malas condicións, con fochancas, herbas, arbustos e maleza que dificulta o paso de peóns e en materia de accesibilidade faino impracticable. A situación reverterase mediante unha humanización realizada mediante a dotación dunha capa de xabre con cemento en toda a beirarrúa, para conseguir unha base sen imperfeccións e completamente accesible. Esta actuación, moi demandada pola veciñanza, ten unha importancia especial xa que mellorará de xeito moi considerable as condicións dunha zona escolar, onde se sitúa o colexio Xesús Golmar, o IES Ramón Mª Aller e o Conservatorio, así como outras zonas deportivas, uníndoa coa zona de lecer formada polo paseo do Pontiñas, coa rúa Areal e sendo un punto de acceso empregado por moita xente para chegar ao Centro Comercial Deza. Con esta obra crearase, pois, unha via peonil accesible e de grande potencial, incluso para o paseo dos viandantes, servindo, ao mesmo tempo, de punto de unión entre varias zonas de especial importancia dentro vila, polo que para o concelleiro se trata dunha actuación “absolutamente prioritaria”.

Por outra banda, o proxecto contempla a datación de beirarrúas en varios sectores urbanos da zona do Alto de Vales que carecen delas. Nesta fase acondicionaranse aqueles espazos que o desenvolvemento urbanístico o permita, posto que nalgúns puntos aínda están pendentes de construírse as canalizacións correspondentes, o que impide a execución das beirarrúas. Por un lado actuarase na marxe dereita da rúa do Castro e no entroque deste vial coa avenida de Madrid, onde se dará continuidade á beiravía existente coa dotación de pavimento de plaqueta nunha lonxitude de 40 metros, eliminando barreiras e permitindo a accesibilidade. Así mesmo, actuarase na marxe esquerda da avenida de Ourense, fronte ás subestación de Fenosa, onde se construirá un treito de 46 metros de beirarrúa a base de plaqueta que permitirá unir esta zona con outras que xa están pavimentadas.

O proxecto vai ser executado durante o verán a través da brigada de obras á que se incorporarán parte dos 37 traballadores e traballadoras contratadas polo concello con cargo ao Plan de Concellos da Deputación.

Francisco Vilariño lembrou que esta iniciativa tamén se enmarca dentro do ambicioso plan do Goberno local para lograr que Lalín se converta nun referente a nivel galego en materia de mobilidade e accesibilidade. O edil volveu lembrar que “a accesibilidade é un dereito de todos e non un privilexio duns poucos” e recalcou que con este proxecto “se beneficia a toda a poboación, posto que se mellora a mobilidade viaria e se favorecendo o tránsito peonil seguro en zonas de especial importancia pola súa situación estratéxica no casco urbano”. 

Roteiros de Lalín