O CONCELLO PROXECTA O CAMBIO DAS LUMINARIAS DAS RÚAS D, ALCALDE FERREIRO E PINTOR COLMEIRO PARA INCREMENTAR O AFORRO ENERXÉTICO E MELLORAR A ILUMINACIÓN

O CONCELLO PROXECTA O CAMBIO DAS LUMINARIAS DAS RÚAS D, ALCALDE FERREIRO E PINTOR COLMEIRO PARA INCREMENTAR O AFORRO ENERXÉTICO E MELLORAR A ILUMINACIÓN
Luns 13 de Marzo de 2017 - O CONCELLO CAMBIARÁ AS LUMINARIAS DAS RÚAS D, ALCALDE FERREIRO E PINTOR COLMEIRO PARA INCREMENTAR O AFORRO ENERXÉTICO E MELLORAR A ILUMINACIÓN. O concelleiro de Obras considera que a actuación suporá un “cambio substancial” que permitirá mellorar “a cantidade e a calidade da iluminación nunhas das rúas con máis actividade de Lalín”.

O Concello de Lalín acometerá a substitución de 22 puntos de luz de vapor de sodio por luminarias tipo LED nas rúas D, Alcalde Ferreiro e Pintor Colmeiro. Así o vén de anunciar o concelleiro de Obras, Francisco Vilariño, que esta mañá visitou o lugar das actuacións acompañado polo responsable da Brigada de Obras. Con esta modificación, o Goberno acadará un aforro superior ao 60 por cento, que será consecuencia, non só da considerable redución da potencia, senón tamén dun menor gasto de mantemento debido á longa vida útil do novo alumeado. Con todo, o novo sistema de luminarias permitirá que as citadas rúas estean moito mellor iluminadas que na actualidade, “tanto en cantidade como en calidade, pois na actualidade quedan zonas a escuras e o nivel de iluminación é inferior aos mínimos establecidos pola normativa”, explicou Vilariño. Isto é debido a que os modelos que se instalarán ofrecen unha iluminación controlada para evitar o deslumbramento e así crear un ambiente máis confortable e seguro.

O Goberno realizará unha achega 17.968,50 euros para este proxecto, aínda que está previsto que o aforro enerxético redunde nun retorno do investimento en poucos anos. O prazo para a execución da actuación é de 2 meses, unha vez que dean comezo os traballos. O edil de Obras lembra que con esta iniciativa o Concello vai dar resposta a unha demanda da veciñanza das rúas D, Alcalde Ferreiro e Pintor Colmeiro. Estas vías públicas son, en palabras de Francisco Vilariño, “das máis importantes de Lalín, por estar nunha ubicación totalmente céntrica, ademais de ser das de maior actividade comercial e onde residen un maior número de veciños e veciñas”. Neste sentido, apunta que se vai levar a cabo “un cambio substancial que permitirá paliar a deficiente iluminación que sufrían estas rúas, outorgándolle, porén, grandes vantaxes aos residentes, que incrementarán a súa calidade de vida”. 

Roteiros de Lalín