O CONCELLO PROXECTA O ACONDICIONAMENTO DUN DOS LOCAIS SEN USO ANEXOS AO CONSISTORIO CO OBXECTO DE DARLLE UTILIDADE PÚBLICA

O CONCELLO PROXECTA O ACONDICIONAMENTO DUN DOS LOCAIS SEN USO ANEXOS AO CONSISTORIO CO OBXECTO DE DARLLE UTILIDADE PÚBLICA
Mércores 3 de Maio de 2017 - En total, realizarase unha inversión de 54.000 euros neste proxecto. Unha das ideas que baralla o Goberno, tal e como anunciou o concelleiro, Francisco Vilariño, é o de trasladar a este espazo a Oficina Municipal de Turismo.

O Concello de Lalín ten proxectado o acondicionamento dun dos locais anexos ao consistorio, que tras a súa construción quedou sen uso, para darlle utilidade pública e evitar que siga sendo un espazo infrautilizado. Para a execución desta actuación, o Goberno conta cun orzamento de 54.079 euros procedentes dunha achega que realiza a Deputación de Pontevedra a través da liña 1 do Plan de Concellos. O concelleiro de Obras e Turismo, Francisco Vilariño, sinalou que a idea deste proxecto é a de acondicionar este local para que poida ser utilizada polos cidadáns. Neste sentido anunciou que unha das propostas que o Goberno baralla para a estancia é o de empregala como Oficina Municipal de Turismo, posto que as súas características se adaptan a esta finalidade e, ademais, se atopa en plena zona administrativa de Lalín e dentro do propio Castro Tecnolóxico que, por si mesmo, é un atractivo turístico, que deste xeito se vería potenciado. Así mesmo, trasladar este servizo á casa consistorial permitiría, como apunta o edil, suplir as carencias de persoal que durante boa parte do ano afectan á oficina debido aos impedimentos impostos dende Madrid para contratar persoal por parte das administracións locais. Isto débese a que o cambio de emprazamento permitirá que persoal municipal cos coñecementos adecuados poida compaxinar a atención a este servizo ao atoparse no mesmo emprezamento e dando cumprimento así ao compromiso político do Goberno de manter aberta a Oficina Municipal de Turismo os 12 meses.

O local anexo ao concello que se vai arranxar presenta planta circular e ten unha superficie útil de 96 metros cadrados. Inicialmente o anterior Goberno tiña a intención de vender este espazo a unha entidade bancaria, aínda que finalmente este proxecto non frutificou e o espazo quedou inutilizado. Construtivamente ten acabados de formigón en muros de soleira e cerramento de vidro e aluminio exterior. Interiormente non presenta ningunha división. Así, as obras proxectadas son fundamentais para obter un correcto uso do local, pois outorgarásalle un uso racional ao espazo, o que posibilitará poder dispor unha zona de oficinas de atención ao público. Para o acondicionamento é necesario executar unha serie de obras, tales como a execución de pavimentos revestimentos e falsos teitos, seguindo a continuidade do edificio principal en acabados e estética. Por outro lado instalarase o correspondente sistema eléctrico, con iluminación axeitada e sistema de datos, ademais do circuíto de climatización e o sistema de seguridade e protección contra incendios.

O local que se vai acondicionar emprégase actualmente como zona de almacén e a súa ubicación corresponde coa ordenanza de sistemas xerais e equipamento, na súa categoría de administración pública, correspondendo coa mazá 4.5. 

Roteiros de Lalín