O CONCELLO PROXECTA MELLORAS NA ACCESIBILIDADE E NA MOBILIDADE URBANA DENTRO DA ESTRATEXIA DUSI LALÍN SSUMA 2

O CONCELLO PROXECTA MELLORAS NA ACCESIBILIDADE E NA MOBILIDADE URBANA DENTRO DA ESTRATEXIA DUSI LALÍN SSUMA 2
Luns 2 de Xullo de 2018 - Esta intervención é a máis importante das enmarcadas dentro do Obxectivo Temático número 6 da estratexia Lalín Ssuma 21, que inclúe entre as súas actuacións a creación de pasarelas verdes de continuidade urbana continua e segura.

O concelleiro de Urbanismo e tenente de alcalde, Nicolás González Casares, presentou esta mañá o novo modelo de proxecto a través do que o Concello de Lalín vai proceder á urbanización e humanización dunha parte importante da Avenida Xosé Cuíña, fundamentalmente do treito que vai dende a rotonda de Willy ata aproximadamente as zonas de acceso ao centro comercial Pontiñas. Esta intervención é a máis importante das enmarcadas dentro do Obxectivo Temático número 6 da estratexia Lalín Ssuma 21, que inclúe entre as súas actuacións a creación de pasarelas verdes de continuidade urbana continua e segura.

Casares explicou que na elaboración da estratexia Dusi sempre se tivo en conta a necesidade de incrementar a seguridade viaria e mellorar a accesibilidade e a mobilidade nesta zona, unha iniciativa -non obstante- complexa, xa que o ámbito de actuación pertence ao Plan Parcial SUE-3 e que finalmente será posible executar a través de Lalín Ssuma 21, sen a necesidade de desenvolver os sistemas xerais da área urbana.

O concelleiro anunciou que en breve prazo se vai realizar a licitación da redacción do proxecto e que xa está en marcha todo o proceso urbanístico previo á súa execución. A actuación consiste en transformar a avenida Xosé Cuíña nunha avenida urbana humanizada e de calidade con zona de carril “bici”, zona verde intermedia que permita umentar a seguridade e con pasarelas de continuidade peonil que incrementen a seguridade a pé e eviten que os peóns teñan que invadir a calzada nalgunhas zonas e que ademais propicien unha mobilidade fluída nas conexións con diversos puntos estratéxicos da vila como o Lalín Arena, o Pontiñas, o concello ou Donramiro.

A liña completa na que se engloba esta actuación da estratexia DUSI Lalín Ssuma 21, cofinanciada nun 80% por fondos FEDER no marco do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) 2014-2020 ten un orzamento total de 828 mil euros, dos que entre 350 e 400 mil se destinarán a esta intervención.

No mesmo obxectivo temático, como xa fora anunciado, tamén se contempla a próxima habilitación dunha senda peonil pegada á calzada da carballeira do Rodo que facilitará a transición de peóns e que continuará, unha vez superada a Rolda Leste, pola entrada de García Sánchez, onde a día de hoxe non existen ningún tipo de pasarela nin beirarrúa. Por outra banda, o Concello tamén vai habilitar unha senda peonil na estrada EP-6009 (carretera de Brántega) que enlazará a coñecida como rotonda do Rodo con Xaxán e Delaparte, cubrindo unha distancia aproximada de 800 metros.

Portal Transparencia

Roteiros de Lalín